Novo apercibimento da Inspección de Traballo ao goberno Barral

María Barral e Diego Fernández, concelleiro de Persoal, nun desfile

A Inspección de Traballo requiriu ao goberno local que non volva incorrer nas irregularidades de adaptación de postos de traballo cando reciba solicitudes neste sentido. A autoridade laboral advirte, ademais, que debe tramitar as solicitudes coa celeridade debida e realizar as actuacións previstas na Lei para protexer a seguridade e saúde dos empregados municipais.

Os feitos remóntanse ao pasado ano, “logo de que o goberno municipal ignorase unha solicitude de adaptación do posto de traballo en ata dúas ocasións, e que se rexistrou no ano 2018, e reiterouse no ano 2019, a CIG acudiu á Inspección de Traballo, xa que a Administración tiña a obriga de lle responder ao persoal que solicita unha adaptación do posto de traballo por motivos de saúde e non ignorala, tal e como ignora os dereitos dos traballadores e traballadoras”. “Ademais a CIG indicoulle á Inspección que este tema xa o levara á reunión do Comité de Seguridade e Saúde de decembro de 2018, sen éxito de resposta nin de cumprimento da lexislación en materia de saúde laboral” recordan desde a CIG.

“Antes de acudir á Inspección, pasaron 14 meses desde que entrara por rexistro esta solicitude, mais á vista de que o goberno municipal ignoraba os dereitos de adaptación dos postos que recolle o convenio colectivo e mais a lexislación laboral, a CIG decidiu comunicarlle a situación ao organismo provincial para que tomase cartas no asunto” remarcan.

Igualmente a Inspección provincial, no trámite desta denuncia, detectou que o goberno municipal non realizara a avaliación de riscos do posto de traballo, non realizou a formación preventiva a ningún dos traballadores e traballadoras do Concello nin lles entregara os Equipos de Protección Individual ao persoal. Logo destas percepcións a Inspección exíxelle ao goberno Barral que realice a formación en prevención de riscos para a totalidade do persoal, que aínda está a facerse agora, asegura a CIG.

“A Inspección de Traballo, pois, non só lle requiriu ao Concello que non volva a incorrer neste desleixo e vulnere os dereitos do persoal, senón que instou a que cumprise algunhas das obrigas recollidas na Lei deprevención do ano 1995, que no Concello de Betanzos aínda se ignora no ano 2020” advierten desde a Intersindical Galega. Non é, nin de lonxe, a primeira denuncia diante da Inspección de Traballo que remata co Concello en evidencia.