Nova condea contra o Concello evidencia a neglixente política de persoal do PSOE

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

Novo varapao xudicial ao Concello de Betanzos a causa da política de persoal desenvolvida durante décadas polo goberno local do PSOE.

A CIG acaba de gañarlle outro pleito ao Concello de Betanzos obrigando ao municipio a recoñecer a indefinición a outra traballadora, por ter un contrato en fraude de lei e recoñecerlle unha antigüidade de máis de trinta anos.

O fallo implica dereitos sociais e económicos para a traballadora. “Esta é unha máis das sentenzas que se ditaron nos pasados meses e que lle recoñecen a indefinición ao persoal municipal e, por tanto, obrigan á incorporación das prazas á nova Relación de Postos de Traballo, toda vez que o Concello teima en facelas desaparecer” explican desde a Intersindical Galega.

O concelleiro de persoal non dá a cara ante os representantes

No momento de facer pública a sentenza a CIG denunciou que o concelleiro de persoal, Diego Ferández, evitaba reunirse coa representación dos traballadores para abordar a nova condena contra o Concello.

“Por tanto, non temos coñecemento de se o Concello ten previsto incorporar este posto no documento que pretende levar ao pleno, toda vez que sempre incidiu nas mesas de negociación en que só formarían parte da RPT os postos creados ao abeiro dunha sentenza (aínda que na realidade tamén incluísen outros que non a teñen, mais que lles deben interesar)” explican.

Prevense máis fallos

“Moitos compañeiros e compañeiras que se viron obrigados a denunciar ao Concello, e mesmo instados por este nunha reunión presidida polo concelleiro de Persoal, como única solución posible a unha situación de irregularidade, están en espera de xuízo e con datas previstas para os anos 2019, 2020, 2021 e 2022” explican desde a CIG, anticipando o que promete ser un aluvión de condenas contra o Concello a causa da política de persoal que o PSOE levou durante décadas na administración local.