Nin rastro nos orzamentos do investimento do Estado no Pasatempo anunciado por Barral en setembro

O tempo remátase para o Pasatempo

Os orzamentos do Estado saíron onte do Senado sen modificacións de entidade. A maioría que o PSOE e Podemos sumaron en torno ás contas serviron para consolidar o feito de que, no que sube o investimento no conxunto do Estado, Galicia teña o menor investimento por parte do goberno central na última década.

As contas, ademais de non contemplar melloras para a vida cotiá das betanceiras e betanceiros como a necesaria intervención en seguridade viaria nas dúas estradas que cruzan o centro da cidade, esquecen o Pasatempo. E iso que o pasado mes de setembro a propia alcaldesa, María Barral, aseguraba nun comunicado de prensa que estaba “pendente” que o goberno de Pedro Sánchez “concretase” a súa axuda ao parque. Unha concreción, que, obviamente, só pode chegar para os investimentos vía orzamentos. “Sabemos que hai boa disposición e traballaremos tamén nese camiño”, afirmou María Barral, enfiando ese argumento á visita que o seu predecesor, Ramón García, realizara a Madrid en canto o PSOE gañou a moción de censura contra Mariano Rajoy para dar a entender que o Pasatempo sería amañado por medio do 1,5% cultural.

Así as cousas, a presenza do socialista betanceiro Antonio Vázquez Lorenzo non supuxo, contra o que anunciaron insistentemente os seus correlixionarios brigantinos nas dúas campaña que o situaron no Senado, ningunha mellora nin defensa dos intereses e necesidades de Betanzos na Cámara Alta: o orzamento saíu sen ningunha emenda para mellorar a inversión en Betanzos. Nin sequera cumpriu os propios anuncios efectuados á par de García cando era, precisamente, o edil responsable do patrimonio histórico municipal.

Barral nun acto de campaña co home forte do seu goberno, Diego Vázquez (de verde), e o actual senador do PSOE, Antonio Vázquez Lorenzo

A alusión ao 1,5% cultural fíxoa, sen nomeala, García e recuperouna a Xunta tempo despois. En maio de 2018 o conselleiro de Cultura garantía fondos no que comprometía que a Xunta redactaría o proxecto técnico de rehabilitación do parque enciclopédico en canto o parque fose declarado BIC. Nin un nin outro están a día de hoxe. No trámite parlamentario dos orzamentos, o mesmo conselleiro, dous anos despois, esquivou comprometer fondos cando desde o BNG botaron en falta o cumprimento das súas propias verbas dous anos despois.

O día en que o DOG publicaba a resolución declarando Ben de Interese Cultural o Pasatempo, conselleiro e alcaldesa volveron sacar o asunto á palestra. Anunciaron que ambos gobernos, local e galego, rehabilitarían da man o parque enciclopédico e que o proxecto sería incluído nun lote de actuacións que o goberno galego propoñería para executar con cargo ao 1,5% cultural para intervencións nos Camiños a Compostela co gallo do Xacobeo 21. Sorrintes a carón de San Francisco, cuxas obras de rehabilitación si que están a levarse adiante en contraposición coa Horta de Don Juan, ambos mandatarios incumpriron os compromisos propios sobre prazos para recuperar o xardín histórico.

Feijóo insistiu despois en financiar as obras do Pasatempo dentro desas mesmas actuacións para o Xacobeo e, tras saír os orzamentos xerais do Estado do Congreso, criticou que non figurasen estas intervencións vinculadas ao ano santo compostelano nas contas. Entre eles, se a Xunta chegou a elevar a proposta, a do Pasatempo. orén, as contas da Xunta tampouco teñen fondos para intervir no Pasatempo e o BNG rexistrou unha emenda demandando 2 millóns de euros para garantir a rehabilitación do parque enciclopédico.

As cinco obras “galegas” do 1,5% cultural son para concellos gobernados polo PSOE

A Comisión Mixta do 1,5% Cultural, presidida polo secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, Pedro Saura, e composta por representantes do Ministerio de Transportes e do Ministerio de Cultura, propuxo o financiamento de cinco actuacións relacionadas co patrimonio histórico en Galicia.

En concreto, o Ministerio de Transportes achegará 3.072.041,39 euros a proxectos de recuperación e posta en valor do patrimonio histórico español en Galicia con cargo aos fondos que se xeran para o 1,5% Cultural como consecuencia da contratación da obra pública.

O investimento total prevista en Galicia polas entidades e administracións participantes, incluíndo as achegas do Estado, é de 4.970.679,56 euros. A resolución provisional permitirá continuar co procedemento ata a adopción da resolución definitiva, condicionada á aprobación dos proxectos e ás achegas financeiras comprometidas.

Na Coruña, o proxecto aprobado é a restauración da Casa da Veeduría, que custará algo máis de 2,4 millóns de euros, o 52% financiado polo ministerio de Transportes. Así mesmo, prevese investir algo máis de 455.000 euros nas cubertas pétreas e o sistema de evacuación de pluviais do Castelo de San Felipe, en Ferrol, o 60% ao cargo deste departamento.

Ademais, levará adiante con cargo a este programa a restauración do pavillón historicista e do muro perimetral de San Martiño Pinario, en Santiago, para o que o ministerio financiará o 75% do orzamento, algo máis de 1,14 millóns de euros.

En Tui, 586.530,74 euros (o 75% por parte do ministerio) irá para a segunda fase de actuacións no conxunto catedralicio de Tui para usos museísticos. Finalmente, no Barco levará a cabo a rehabilitación do BIC O Castro, na súa segunda fase, dotado con algo máis de 305.000 euros, o 69% de fondos do ministerio de Transportes.

Coa relación queda en evidencia a incapacidade do equipo de María Barral para situar o investimento no patrimonio betanceiro como unha prioridade de investimento entre os seus propios correlixionarios, malia ter no Senado a un exconcelleiro.