Nin o PP defende agora as fusións de concellos na comarca

Acto público de presentación da fusión

A nosa comarca foi pioneira nas fusións municipais. O 6 de xuño de 2013 nacía Oza-Cesuras no medio da constestación social no extinto municipio de Cesuras e tras anunciar Núñez Feijóo a medida como un revulsivo no Debate do Estado da Nación. Un informe da Deputación, que gobernaba o PP de Diego Calvo, avalaba a fin do devalo demográfico no nacente concello da montaña betanceira en base a unha serie de promesas de investimentos públicos e privados que, seis anos despois, seguen sen existir.

Así as cousas, ata o PP, que impulsara a fusión dos dous concellos, evitou avalar outra fusión na comarca, que reclamou Betanzos Novo- Mareas Locais. “Nestas épocas, do mesmo xeito que en Nadal, os soños afloran, pero a política esixe rigorosidade, efectividade e consenso, algo do que carece semellante proposta”, asegurou o candidato do PP de Bergondo, Manuel Fafián.

A exdirectora xeral de xuventude con Feijóo e candidata do PP en Betanzos, Cecilia Vázquez, avogou por “fórmulas de cooperación intermunicipal e simplificación a condición de que os servizos sexan de calidade”. “Para iso Betanzos ten que empezar por facer os deberes, atender o casco e o rural e despois analizar as diferentes opcións” asegura.

En termos parecidos, o rexedor de Coirós, que leva vinte anos no cargo, evitou avalar as fusións municipais. O popular Francisco Quintela aposta por “fórmulas de cooperación” intermunicipais.

O PSOE asegura que pretende consorciar servizos

O PSOE leva gobernando décadas en Betanzos, e Bergondo, dous concellos que optaron por mirar cara A Coruña como vía de desenvolvemento e de garantir servizos para a poboación.  A candidata á reelección en Betanzos, María Barral, asegurou que a súa formación pretende “potenciar Betanzos como cabeceira comarcal”. Sempre que sexa voluntaria, asegura, non se opón a unha eventual fusión, abriu porta para non desbotar contundentemente a proposta de BN-Mareas Locais, partido que apoiou as principais medidas do PSOE nesta lexislatura.

Desde Bergondo, a súa compañeira de filas no PSOE foi máis explicita. Descualifica a proposta lanzada por Betanzos Novo porque “non ten en conta a realidade dos municipios”. “Eu aposto claramente por mancomunar servizos”, afirma.

O rexedor de Paderne, concello que comparte ata colexio con Betanzos, evitou entrar ao trapo. O PSOE asegura que avoga por poñer en común servizos consorciados, sen aclarar se pretende centralos na comarca betanceira ou seguir a depender do que aconteza tras maio co Consorcio das Mariñas.

O BNG asegura que as fusións “fracasaron” e que a vía é comarcalizar servizos

Os candidatos do BNG nos concellos da comarca

O BNG sostén que “o debate provocado polo PP sobre a fusión de concellos non está a servir para solucionar nin os problemas de financiamento nin os problemas demográficos nos concellos”. “Abonda examinar a evolución de Oza e Cesuras estes últimos anos para comprobar como ningunha das bondades da fusión se cumpriu e como non se solucionou ningún dos problemas que supostamente ía amañar”, explica Manel Pérez, o candidato do BNG á Alcaldía de Paderne.

“A solución pasa pola reforma do sistema de financiamento local garantindo fondos suficientes para que os Concellos poidan asumir os servizos que emprestan, por si mesmos ou de forma mancomunada, o que permite menores custos e achegar os servizos a máis persoas”, explica desde o BNG de Coirós a súa candidata, Pura Ferreño, facendo referencia ao programa comarcal que as nacionalistas elaboraron para estas eleccións.

“Desde o BNG propomos a creación dunha mancomunidade cos concellos das Mariñas para comarcalizar servizos contribuíndo a racionalizar o gasto, mellorar a calidade de vida e estender os servizos públicos ao conxunto da cidadanía” explica o candidato á alcaldía de Betanzos, Henrique del Río. “Esta medida é, ademais, un paso importante cara a eficiencia no gasto público” abunda.

No BNG propoñen que esta Mancomunidade asuma servizos comarcalizados como o transporte público, incluíndo transporte nocturno e a demanda dun ferrocarril de cercanías, unha alternativa comarcal a SOGAMA baseada na reciclaxe e compostaxe, ou a planificación de servizos conxuntos relacionados coa educación- coma o conservatorio-, entre outros.

“Betanzos abandonou a súa comarca natural das Mariñas, para intentar facer parte da comarca da Coruña e ten que recuperar o seu papel de cabeceira comarcal e tomar a iniciativa na posta en común de servizos e políticas públicas cos concellos da súa comarca” aseguran no BNG.

Aranga, Abegondo, Bergondo, Coirós, Irixoa, Miño, Oza e Cesuras e Paderne, ademais de Betanzos, comparten estas propostas comarcais ,que se poderían estender a outros concellos do noso partido xudicial.

“A nosa comarca precisamente fai proba de que as fusións de concellos non solucionan ningún problema de carencias de servizos á veciñanza e que é necesario buscar outras alternativas e nós defendemos comarcalizar servizos para dar máis e mellores servizos, de forma máis eficiente, á nosa veciñanza”, explica David Carro, cabeza de lista do BNG en Bergondo.

BN-Mareas Locais traslada o debate de Compostela á comarca

Un acto de BN con referentes de En Marea

A idea doutra fusión na comarca púxoa na mesa BN-Mareas Locais. A marca local da En Marea de Luis Villares trasladou a Betanzos o debate- cuestionado desde todos os ámbitos- que os rexedores de Compostela e Teo abriron coa campaña electoral para evitar o escrutinio público da súa xestión. A excusa, a contaminación das augas no curso baixo do Mandeo e a desembocadura da ría, o viño da IXP Viño da Terra de Betanzos que provén de varios concellos e o paseo entre Betanzos e Os Caneiros que a marca local de En Marea teima en promover.

Para isto, adoptando a proposta estrela do PP hai uns anos, propoñen fusionar nada menos que catro concellos: Betanzos, Bergondo, Coirós e Paderne. O que non aclara o candidato, Hipólito Pérez Novo, é por que asegura que estes “catro municipios teñen intereses e demandas comúns que precisan de solucións compartidas”, se realmente outros concellos da comarca, como Miño ou Sada na ría teñen exactamente eses mesmos motivos para entrar na proposta.

Nun calco dos argumentos que o PP utilizara para avalar a fusión de Oza e Cesuras, como beneficios aseguran que estaría o incremento poboacional, aumentar os ingresos pola participación nos tributos do Estado.

Podemos: definir desde o goberno español o mapa

As outras forzas tamén terciaron no debate. Ciudadanos, que se presenta en Betanzos, defendeu a fusión. A outra marca que nalgún momento pretendera ser referente de En Marea, Betanzos en Común, inclínase por mancomunar servizos.

Podemos asegurou que a redefinición do mapa municipal galego ou as asociacións entre os mesmos deben ser definidios por medio dun debate de Estado para que o goberno español actualice a planta municipal.