Nenos das Galiñas Azuis de Betanzos e Oza-Cesuras padecen unha nova intoxicación ao inxerir o menú escolar

Imaxe da Galiña Azul

Nenos de polo menos once escolas infantís da rede A Galiña Azul da Xunta, entre as que se encontran as de Betanzos e Oza-Cesuras na nosa comarca, sufriron onte un novo episodio de reaccións alérxicas ao inxerir o menú que ofertan os centros. Decenas de pequenos presentaron ronchas na zona da boca e pola cara segundo informan pais de alumnos e o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, que xestiona os centros. Os episodios alérxicos de onte afectaron a escolas da Coruña (Eirís, con oito casos), Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros (dous), Carral e Oza-Cesuras, aos que se sumaron casos en Ares, Fene e Cangas.

Pais e nais de nenos afectados organízanse para presentar reclamacións diante do Consorcio, a Xunta e a Consellería de Sanidade. O Consorcio garante que analiza mostras da comida servida onte e que tomará as medidas necesarias unha vez esclarézanse as causas. O organismo asegura que técnicos de Sanidade desprazáronse onte aos centros para tomar mostras do prato que sospeitan que ocasionou as erupciones e ás instalacións centrais da empresa de cátering que fornece comida a todas as garderías da rede autonómica de Galicia, Arias Cátering.

Na escola infantil de Betanzos, o persoal do centro avisou aos pais e nais dos pequenos afectados e informoulles de que o protocolo dita que debían levalos ao pediatra. No centro de saúde betanceiro reuníronse ao mediodía ao redor dunha ducia de nenos con reaccións, afirma unha nai, quen destaca que supón unha alta porcentaxe dado que os pequenos en idade para comer o prato ao que se asocian as ronchas, os maiores dun ano e medio que xa non toman o menú triturado, son uns corenta.

O BNG anunciou que pedirá explicacións á Xunta despois de saber que no día de hoxe se produciu unha nova intoxicación alimentaria na escola infantil Galiña Azul

O BNG anunciou que pedirá explicacións á Xunta despois de saber que no día de hoxe se produciu unha nova intoxicación alimentaria na escola infantil Galiña Azul. “É un segundo caso de intoxicación alimentaria nun mes, polo que sabemos cando menos na Galiña Azul de Betanzos e na de Oza-Cesuras, parécenos moi grave esta situación e pensamos que a Xunta ten que tomar xa medidas para evitar que se poidan repetir”, explicou o portavoz nacionalista, Henrique del Río.

O servizo de comedor das escolas infantís Galiña Azul xestionao unha empresa privada contratada pola Xunta da que dependen estas escolas para nenos de entre 0 e 3 anos. “Tratase de crianzas moi pequenas e a Xunta ten o deber de garantir a calidade do servizo. é inasumíbel que sucedan situacións de risco para a saúde os nenos e nenas como os que se están a producir”, engadiu o nacionalista.

Desde o BNG anunciaron que presentarán unha iniciativa de man do deputado no Parlamento, Mini Rivas, para exixir á Xunta explicacións ás nais e pais sobre o sucedido e que tome medidas de inmediato para evitar que poida volver a suceder.