“Nano vai á escola”, nova cita dos “Sábados miúdos” para o 9 de novembro

Unha imaxe dunha actividade infantil

Nano volve a Betanzos nos Sábados miúdos con Raquel Quizás no contacontos “Nano vai á escola” que terá lugar o vindeiro 9 de novembro ás 12:00 h no Salón Azul do Edificio Arquivo do Antigo Reino de Galicia dentro do programa Lingua a escena da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

“Nano vai á escola” está destinado a nenos e nenas de ata 6 anos e as súas familias e ten unha duración aproximada de 40 minutos. O contacontos ten 20 prazas, con preferencia para os nenos e as nenas empadroadas, que poderán asistir acompañadas dun máximo de dúas persoas adultas. O prazo de inscrición para o contacontos estará aberto no web municipal desde o 4 de novembro ás 09:00 h ata cubrir as prazas. A confirmación da praza realizarase antes da actividade no correo electrónico ou no teléfono facilitado no momento da inscrición.

O programa de dinamización lingüística para público infantil Sábados miúdos continuará no ano 2020 con máis contos, obradoiros e espectáculos de dinamización lingüística para as máis pequenas e pequenos cos espectáculos “Fíos do querer” de Cé Orquestra Pantasma, “Bichocas” de Xarope Lulú, “A pitiña Cocoricó” de Charo Veiga ou “Coas miñas mans” de Pablo Díaz, entre outros moitos que ateigarán os sábados de contos, cantigas e lingua para as familias.

Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado nas Oficinas Xerais do edificio Liceo, no teléfono 981 770 011 (ext. 2224) ou no enderezo electrónico normalizacionARROBAbetanzos.net.

“Nano vai á escola”

Nano é unha ra pequena, unha ra que vive cada día unha nova aventura, porque cando se é tan pequeno ata as cousas más sinxelas se converten en todo un reto. Nano vai ter unha nova experiencia vital… vai ir por primeira vez á escola! Como se enfrontará a esta etapa que comeza desde a súa condición de galegofalante? Nano comeza a etapa escolar e é así como vai descubrindo que desde ese lugar tan diverso, a seguridade de ter personalidade e lingua propia van ser un gran apoio.