Medio millón de euros sen pagar do 2018 abocan a Betanzos a un plan de saneamento ata 2020

O goberno local aprobou onte en solitario un plan económico-financeiro para o período 2019-2020, forzado polos resultados da liquidación do exercicio de 2018. O PP abstívose e criticou ao executivo por non incluír no expediente o informe de Intervención e o BNG votou en contra.

Os dous grupos da oposición advertiron que incumprir este plan podería rematar co peche de servizos que o Concello empresta malia non estar obrigado a facelo (casos do centro de formación, a radio municipal, a embarcación municipal, protección civil, servizos sociais ou instalacións deportivas, segundo o artigo 26 da Lei de Bases do Réxime Local). Reprobaron, tanto PP como BNG, que a orixe do mesmo sexa que o goberno local deixou sen pagar, por non ter fondos suficientes, 464 000 euros.

Presentación da campaña do PP

Nun comunicado, o PP criticou a “desordenada xestión económica” do PSOE, ao que afeou que “presuma de superávit” cando “deixa case medio millón de euros sen pagar a empresas e profesionais”. Os conservadores criticaron que o goberno local remitise o documento sen o preceptivo informe da Intervención.

“O que nos avoca a aprobación deste plan de aforro é o gasto descontrolado do goberno local sen fondos e fora do orzamento e a súa forma de xestionar a contratación pública “a dedo” e incumprindo a lei de contratos”, explicou o portavoz nacionalista Henrique del Río, “este plan é consecuencia da liquidación do 2018 que a alcaldesa nos ocultou até que pasaron as eleccións para que esta nefasta xestión non afectase ao resultado electoral”, engadiu.

O voceiro do BNG, Henrique del Río, nun acto no Cantón. Foto Arume

O nacionalista anunciou o seu voto en contra desta proposta de plan de financeiro. “Cando contrataron sen fondos ou achegan facturas de empresas mes tras mes sen contrato que as avale non nos pediron o noso apoio, a responsabilidade desta forma irresponsábel de gastar os cartos públicos non a imos a asumir no BNG terá que asumilo o goberno local”, criticou Del Río. “464 000 euros quedaron sen pagar do ano 2018 por gastar sen fondos fóra do orzamento, por iso están obrigados a aprobar este Plan. É froito da súa mala xestión e supón que agora hai parte do orzamento deste ano que non poden gastar, no capítulo de gasto corrente e no de transferencias”, explicou o portavoz do BNG.

Desde o BNG criticaron tamén que este Plan “non é máis que unha declaración de intencións xa que non se declara a indispoñibilidade dos créditos como reclama a interventora no seu informe, así que poderían gastar igual os créditos afectados e seguir afondando no problema para o Concello e para as empresas que traballan para a administración que ven como se alonga o periodo de pago até máis de 40 días de media”.

“É o enésimo plan de estabilidade que ten que asumir o Concello, e se fose para asumir o investimento nun novo servizo, pois até sería lóxico asumilo, pero é para afrontar o gasto desaforado de precampaña que o PSOE fixo a conta das arcas municipais, exactamente igual que hai catro anos e que hai oito” puntualiza Del Río.

Diego Fernández, concelleiro de Facenda, e María Barral, alcaldesa

O edil de Facenda e portavoz do PSOE, Diego Fernández, revolveuse alegando que o Concello tivo superávit no exercicio 2018, que deu un remanente que destinaron a varios investimentos. “Se eu non pago as facturas claro que me sobran cartos a fin de ano”, rebateulle o edil do BNG sen que o socialista atopase réplica.

As facturas pendentes do ano 2018 destaparan varias irregularidades nas contratacións do goberno Barral, que a Intervención plasmara nos seus informes. A liquidación, ademais de poñer número aos 464 000 euros non pagados por falta de consignación nas contas, amosou que a débeda se disparou en 600 000 euros nese ano.

Ambas magnitudes combinadas forzan o plan de saneamento económico e é o que os nacionalistas reprobaron insistentemente que se ocultase ata pasada a cita coas urnas.