Medio Ambiente autoriza as actuacións de saneamento á beira do Mendo pero exixe medidas para garantir a biodiversidade

Verquido ao Mendo denunciado polos pescadores. Foto: facebook Pescadores do Mandeo. Arquivo

O goberno local leva anos demorando as actuacións na rede de saneamento no entorno do río Mendo nas Cascas. O trazado cruza o río polo seu leito augas abaixo da ponte das Cascas e ten ocasionado varios episodios de fugas, algúns ben chamativos. O pasado ano, decidiu incluír nun plan provincial actuacións para amañar todos estes desperfectos, substituír canalizacións e retirar do leito do río a tubaxe de formigón e o cadaleito de cemento con que sellou, hai anos, a maior das fugas.

Agora a Consellería de Medio Ambiente deu o seu visto bo co informe de impacto ambiental, onde conclúe que non son previsibles efectos ambientais significativos. Aínda con todo, pon condicións para minimizar o impacto paisaxístico da intervención e os posibles danos a especies vulnerables que habiten na zona- o río conta, nese tramo, cun pequeno bosque de ribeira onde se ten detectado a presenza de picapeixes, garzas e alavancos, entre outras especies.

O proxecto do goberno local é substituír as canalizacións entre as pontes de As Cascas e O Carregal para “solucionar o problema de verteduras ao río Mendo “debidos a “unha instalación antiga e obsoleta” que sufriu danos polo paso do tempo. Unha “instalación antiga e obsoleta” que o propio executivo socialista evitou renovar durante décadas a pesar do importante incremento poboacional rexistrado nas áreas ás que presta servizo e os sucesivos episodios de fugas ao Mendo a consecuencia da falta de mantemento e o aumento de presión no interior das canalizacións.

O proxecto inclúe a renovación da rede e a súa mudanza de sitio nun tramo, evitando pasar por terreos privados e o leito do río, mediante un cambio no trazado da impulsión da estación de bombeo de As Cascas para integrala no tecido de servizo da Avenida Jesús García Naveira, e a execución dun bombeo e un tanque de tormentas.