Media ducia (e dous máis) de topónimos curiosos de Betanzos

O proxecto Galicia Nomeada, unha iniciativa colaborativa impulsada pola Xunta para recoller a microtoponimia do país, ten posto de actualidade este patrimonio inmaterial que corre un serio risco de pasar a mellor vida na súa maior parte, debido ao abandono dos usos agrarios na inmensa maioría de Galicia. Non é, nin de lonxe, unha preocupación nova, pois o propio goberno galego mantén unha comisión de toponimia para fixar os topónimos do país.

Nin sequera é novo na comarca. De feito, Betanzos impulsara entre 2003 e 2007 un proxecto, na altura pioneiro, de recollida da microtoponimia tradicional. A experiencia piloto da Concellaría de Normalización Lingüística, que dirixían os nacionalistas, recollera varios centos de microtopónimos da parroquia de Tiobre. En base a este traballo o BNG pedira en 2012 que os viais da parroquia recollesen este patrimonio, algo ao que o PP, gobernante, se negou.

Hai dous anos Miño tamén presentara o resultado da súa propia recollida. E na modestia dos nosos medios, Xornal de Betanzos tamén ten repasado tanto a nomenclatura dos viais e microtopónimos da cidade histórica – boa parte deles en artigos da autoría do cronista oficial da cidade- como do litoral betanceiro.

Betanzos, malia o seu reducido tamaño sobre o mapa galego, conta cun elevado número de núcleos de poboación e de entidades con nome de seu, debido á intensa actividade humana que se veu desenvolvendo desde hai milenios no terreo.  Hainos que son abondo descriptivos como para entrar a explicar a que son debidos: o bosque, a Fonte, A Granxa, a cortiña, o río, Bimbieiro, O pazo, o Pomariño, a Fraga, Cómaros, a Bouza, Arriba da Fonte, O Castro, Ribalta, Viñas, Abelares, a Croa, Costa do Monte, Aguieiro, Pereiro, O Piñeiro,… De todos eles, seleccionamos unha ducia e dous bonus track.

Viñedo na volta do Penso, tras a ponte de madeira que une A Ribeira e O Xuncaliño

O cepo da Vella

Alí onde Tiobre se debruza na ría hai varios microtopónimos diferentes e con personalidade. Estan Sarra e está, a carón da vía do tren, O Cepo da Vella. A carón da ría e en Rede Natura, e dando límite aos polígonos marisqueiros que aínda quedan na ría.

A Volta do Codo

A uns centos de metros do primeiro, está a Volta do Codo. O nome ven pola curva pechada que describe a estrada N-651 a Ferrol- nomeada, xa que de topónimos vai, como Camiño Novo hai apenas un século. O lugar ofrece unhas vistas panorámicas da cidade dignas de postal.

Viraventos

Na mesma parroquia, sobre a rúa do Mandeo e a máis altura que o santuario dos Remedios está Viraventos. O topónimo é abondo descritivo como para explicalo, mais o lugar ofrece outra vista da cidade digna de fotografarse e, baixando, pode cruzarse o que foi o Vilar de Arriba, actualmente labradío pero que fala de antigas poboacións. Por debaixo da rúa do Mandeo quédanos o Vilar de Abaixo, no camiño da Veiga.

O Xemilín

Parece unha chanza, pero este lugar existe. Está tamén en Tiobre, onde o camiño da Veiga vai encontrarse con Paderne. É terreo de viñas, cunha das mellores orientacións para a produción do viño de Betanzos. A orixe do nome? A saber.

A Xerpe

E en Tiobre queda tamén a Xerpe, na estrada provincial a Campolongo. O nome quere ter orixe nunha vella lenda na que interveñen un cabaleiro medieval, unha grande serpe que atemorizaba ao vecindario e un feito heroico que acaba coa besta. Como a da araña de Caraña, como a de San Xurxo e moitos outros lugares que teñen ao ofidio coma topónimo, mais que nos reporta directamente ao pasado castrexo e a relación de amor-odio cos réptiles.

O Telleiro

Haino en Paderne, haino en Sada. E témolo en Betanzos, concretemente en Piadela e desde hai décadas abeirado ao encoro de Cecebre. Topónimo gremial, que nos fala da existencia dunha telleira, fábrica de ladrillo e tella, no entorno.

A Capela

É abondo descriptivo, como para darlle media liña. Mais neste caso, cómpre explicalo. O lugar da Capela está na montería de San Xiao, na parroquia de Bravío a carón do Mandeo e de Coirós. Non hai capela ningunha alí. Pero hóuboa. Adicada a San Xiao. O catastro aínda dá conta do topónimo.

As Tabaques, no Google Maps

Marulo

Bravío garda dous dos topónimos máis sonoros do municipio, a carón do Mendo en dous núcleos apenas habitados. O dicionario da Real Academia describe marulo coma “[Persoa] forte que ten aspecto de boa saúde” ou “que persiste nas súas ideas ou actitudes, mesmo ante a evidencia de estar equivocado ou obrando mal”. A saber cal das dúas puido ter influído á hora de nomear o lugar.

Os Tabaques

A orixe do nome de Os Tabaques é máis controvertida. O cronista faino derivar do cultivo do tabaco no lugar, aseverando que é o topónimo máis moderno do municipio. Outras voces póñeno en relacción directa co seu significado en castelán: pequeno cesto de bimbios ou clavo pequeno, aseverando que poida vir dunha protoindustria cesteira ou de fundición no lugar. Que haxa aceas no entorno apoiaría esta tese.

A Mazadora

En portugués un maçador era o artiluxio co que se mallaba o liño para transformar en fío a mata da liñaceira. Tal puidera ser a orixe deste curioso topónimo situado na parroquia de Requián, xusto sobre o da Condesa- da que xa explicamos a orixe. Un vello rego que nalgún momento puido mover unha acea podería apoiar esta tese.

Actualmente o lugar ven definido polo noiro que describe o desvío da N-VI e o monte do Coto.

A circunvalación ao seu paso polo Escorial

O Escorial e as Cascas

Para Alfredo Erias, ambos topónimos serían relativamente novos e derivados do pasado industrial da cidade. As Cascas que nomean un barrio enteiro, ao parecer, serían os restos da madeira que ía alimentar os fornos das curtidorías- nomeadamente a de Etcheverría na Madalena.

Polo camiño pasaban polo lugar do Escorial, que supón que debe nome ás moreas de cinza e escoria que quedaban como residuo do proceso produtivo do coiro.

A Cañota

Este topónimo témolo por duplicado: nunha rúa a carón do Mandeo no Casco Histórico e, en plural, en Xanrozo. Unha cañota é unha castiñeira vella e oca por dentro, o que sitúa este tipo de árbores en ambos os dous lugares.

Balconadas típicas na rúa da Cañota

Sorprende, singularmente, que puidera chegar a haber unha árbore dese porte nun territorio netamente agrario e minifundista como a Cañota. Pero os fósiles da toponimia non deixan lugar a dúbidas de que, nalgún momento, tal houbo, pois desde 1600 esta rúa aparece con ese nome.

De propina: Vistaalegre e Bellavista

Dous topónimos novos, creados artificialmente, pero que foron incorporados mesmo ao catastro pechan a relación. Definíronse sobre lugares que xa tiñan nome de seu- Talai e os Xudeos no caso de Bellavista, que nomea un barrio enteiro, e Seixeda, Albar e o Piñeiro e no caso de Vistaalegre.

Obvio resulta que a composición dos nomes é allea á microtoponimia galega, a empezar por estar compostos en español. Popularmente atribúenselle a un promotor local o bautismo de ambos lugares debido ás vistas que, desde unha e outra elevación, se ofrecen da ría e a cidade, respectivamente. Mesmo chegaría a ceder ao Concello unha parcela en Vistalegre para a construcción dun miradoiro sobre a ría, unha idea que rescatou o BNG na pasada campaña das eleccións municipais.