Media ducia de bens patrimoniais que se perderon pola indolencia do PSOE

As declaracións do executivo local do PSOE reclamando pezas patrimoniais que desapareceron hai anos da cidade ou os titulares recentes sobre exixencias a Fenosa para manter a fábrica da luz contrastan coa súa xestión patrimonial no longo e dilatado período en que goberna en Betanzos, que sobrepasa as tres décadas. Durante ese tempo algúns bens senlleiros do noso municipio pasaron á Historia para sempre, pero por ter desaparecido ou acabar tan desfigurados que é imposible xa recoñecelos.

O conxunto de hórreos da Galera

Os hórreos da Galera

Os hórreos da Galera

Segundo a Lei de Patrimonio de Galicia, os hórreos e outros elementos da arquitectura popular teñen catalogación automática de Ben de Interese Cultural se reúnen unhas determinadas condicións, entre eles unha determinada antigüidade. Tales requisitos reunían todos os que conformaban a curiosa e pintoresca agrupación de hórreos da Galera, singulares tanto polo emprazamento como a cantidade de construccións que existían. Por iso, desde 1983 hai rexistrados escritos no Concello demandando ao goberno municipal, que desde a metade dese ano ocuparía o PSOE, reclamando a súa reconstrución, rehabilitación e posta en valor.

Caeron en saco roto. Nin a presumible catalogación, nin o seu valor paisaxístico e patrimonial os salvaron da picota cando o goberno local do PSOE e a Demarcación de Costas decidiron botalos abaixo para abrir o paseo da Galera e substituílos por outros novos, bastante desproporcionados e que non fan idea do que había naquel lugar, por mais que o alcalde do PSOE naquela altura anunciase que os cinco hórreos que hai eran unha primeira fase que seguiría outra segunda para dobrarlles o número e devolvelos tamén ao Peirao. Segunda fase que nunca chegou.

O Pasatempo

O frontal da gruta da Recoleta sen broza e coa controvertida pasarela en primeiro termo

É certo que a destrución do Pasatempo comezou moito antes. A tradición oral sitúaa na posguerra e ao roubo dos materiais de máis valor, se ben tamén se debe ao traslado de pezas ás propiedades dos descendentes dos García Naveira e á venda de moitas das mesmas por eles mesmos, xunto coa parcelación e venta do predio orixinal do parque, que sempre foi propiedade privada. Mais non é menos certo que a actual ordenación urbanística do Carregal, resultado das normas subsidiarias que deseñou e aprobou o PSOE en 1986 e modificou en 1996 deron a puntilla a calquera tentativa de recuperar a finca e significaron que a carón da fonte das Catro Estacións vexamos naves que albergan o polideportivo, cunha estética que non deixa a ninguén indiferente.

A cuestionable actuación no parque nos 90 do pasado século, coa construción da pasarela que carga sobre o estanque da gruta, reconstrucción de murais por libre sen respecto aos orixinais, a ubicación de elementos alleos ao recinto orixinal e unha xardinaxe cuestionable que a parte conservada nunca tivo, entre outras actuacións promovidas polo PSOE no dilatado goberno de Manuel Lagares e defendidas mesmo contra as evidencias técnicas polos edís socialistas puxeron a puntilla a moitos elementos do singular espazo.

De feito, o emprazamento orixinal dos leóns que o goberno actual quere “recuperar” foi ocupado polas piscinas municipais, facendo impracticable ubicalos, no caso de retornar, no seu emprazamento orixinal. Mais unha parte aínda se podía recuperar antes de facer o polideportivo e o campo de fútbol, onde estaba o estanque dos Papas. Optouse por promover a construción de vivendas e equipamentos, que se levaron por diante outro curioso edificio que non era do parque, a casa con mirador dos Pita- nada que ver cos construtores do globo- á beira do Mendo.

A ruína do Casco Histórico

Unha vista parcial do Casco Histórico

Exemplificada en dous iconos, mais hai onde escoller. Logo de presentarse ás eleccións prometendo expropiar e reconstruír a Casa Gótica, o goberno do PSOE mantén o predio tal como o legaron os catro anos de mandato do PP: valado de obra e, no interior, ademais de broza, presuntamente as predras da fachada numeradas para volver levantala.

O segundo exemplo, a muralla: na praza de Domingo Etcheverría apareceu unha torra ao demoler unha casa para levantar unha nova. Volveuse tapar. No Valdoncel o cronista denunciou o demoucado da torre xunto á Porta do Hórreo sen que o goberno local impedise o que alí se fixo, e mais recentemente este historiador e o BNG denunciaron o demoucado doutra torre na mesma rúa para acabar como terraza dun edificio rehabilitado. Non hai actuacións do executivo local para repoñer a centenaria cerca ao seu estado.

Habería tamén exemplos máis cotiás e menos visibles, como as pavimentacións con formigón nas rúas históricas, o soterrado de vestixios arqueolóxicos en lugar de sinalizalos e poñelos en valor, a obsesión con retomar a libre circulación e estacionamento na acrópole do Castro de Untia ou o baleirado das dependencias municipais sacando a administración local do corazón da cidade. O catálogo é amplo de máis.

A Casa Pita

O patio arabizante de Casa Pita

O patio arabizante de Casa Pita

A modificación das normas subsidiarias no 1996 supuxo deixar protexida tan só a fachada principal do edificio modernista levantado por Matías Witz no inicio da rúa do Valdoncel. A decisión do goberno do PSOE preparou o camiño para o urbanismo depredador que se levou por diante a fachada posterior de ladrillo lacado, a escalinata de acceso e o singular patio modernista neomudéxar único no país. Só poden verse en fotografía.

O barrio xudeo

O urbanismo depredador levouse por diante todo o barrio xudeo de Betanzos, nas rúas Cruz Verde, Xudeos e adxacentes. Derrubou a porta nas escaleiras que lle dan acceso desde os Ánxeles, pechou esa rúa ao río con bloques de nova construción e substituíu casas de balcón mariñán e característicos calexóns interiores por vulgares bloques de pisos. A decisión de rehabilitar agora o vello pasadizo cara a Estrada de Castela e abrir unha praciña no final do barrio, en Bellavista, chega só para ver a aberración cometida nas pasadas décadas.

Pásalle o mesmo á aldea de Caraña de Abaixo, un lugar en certa maneira idílico de non ser que queda asombrado e encaixado baixo as moles de pisos da avenida de Saavedra Meneses. Ou á Condomiña, onde a capela e as casas do vello lazareto agonizan sepultadas entre bloques de pisos. Ou ao vello barrio das Cascas, en torno ao mosteiro, oculto e asombrado entre máis bloques de pisos na cuña que fan as estradas cara Santiago e Oza dos Ríos.

A capela de San Paio

Romaría propia que deu orixe aos Caneiros do día 25 de agosto, campo amplo no frontal e Camiño Inglés ao pé non salvaron a esta vella capela barroca da picota. A comezos dos anos 90 aínda tiña en pé varios arcos da única nave, mais o proceso de ruína veuse acelerado de tal punto que hoxe só os alicerces están en pé e o predio serve de almacén de parrillas e outros enseres. Durante anos foi un clásico nas emendas aos orzamentos da Xunta dos

O Convento de Donas co aparcamento no lateral

nacionalistas. A ruína alcanzou tamén á fonte ao pé do templo, que contaba nos seus elementos cun antigo sepulcro antropomorfo reutilizado coma pía e lavadoiro estragado logo da reforma realizada polo goberno socialista en 1991. De nada lle serviu que o concelleiro de servizos naquela altura fose outro socialista veciño da parroquia e activo nunha das dúas asociacións de veciños que había. Segue hoxe como concelleiro de Urbanismo.

No casco urbano, o Convento de Donas, que pasa por ser o edificio en pé máis antigo de Betanzos e anterior ao traslado da cidade desde Betanzos o Vello- está documentado que o restaurou a Casa de Traba xa no século X- soporta un acelerado proceso de declive. Auxiliado polas decisións adoptadas polo goberno local do PSOE, que durante anos o tivo sen un mínimo mantemento e coidado, que cooperou coa Xunta de Fraga na demolición de parte dos restos do cenobio. A última agresión deliberada do goberno local a este conxunto foi ampliar o recheo do antigo corpo parcialmente sepultado baixo a estrada ao Mesón do Bento para facilitar o estacionamento de vehículos- cunha perigosa incorporación á saída da rotonda das Cascas- sobre o edificio do século X.