Malestar por unha faixa electoral do PSOE na pasarela do Pasatempo

Unha imaxe da controvertida faixa

O trato dispensado polo executivo local socialista ao centenario parque do Pasatempo segue provocando opinións encontradas. Co inicio da campaña electoral o PSOE, que leva todo o mandato anunciando e prometendo unhas inversións no Pasatempo que non chegaron en toda a lexislatura, colocou dúas faixas pedindo o voto sobre a controvertida pasarela.

Desde a Asociación de Amigos do Pasatempo reprobaron publicamente que “tras 197 días con el Pasatiempo cerrado, vuelve a mostrarse actividad más allá de la valla que impide el acceso. No, no se ha reabierto, es que la gente del PSOE de Betanzos ha usado la polémica pasarela para colgar su cartel electoral” aseguran colgando unha imaxe da faixa.

“Hace unas semanas subimos unas polémicas fotos del lamentable estado del parque. La reacción del ayuntamiento fue publicar un comunicado con un tono de amenaza hacia quien entrase en el parque, pero el cierre de la parte superior sigue exactamente igual, una valla apoyada en un muro, sin más, un cierre no efectivo, eso no les importó tanto” recordan.

“Por la parte de abajo, ya vemos la foto, se ve que con bula papal sí se puede entrar. Qué poca comprensión del patrimonio, qué poca seriedad” lamentan.

Unha instalación que podería incumprir a Lei de Patrimonio

Integrantes da entidade reprobaron o comportamento “vergoñento e sospeitosamente legal” do PSOE, ao recordar o artigo 53 da vixente Lei de Patrimonio, que advirte que “nos monumentos, sitios históricos, zonas arqueolóxicas e xardíns históricos declarados de interese cultural queda prohibida a instalación de publicidade comercial e do que impida ou deturpe a apreciación do ben dentro do seu contorno”.

“Recordemos que o expediente para a declaración está incoado, polo que, aos efectos, ten que cumprirse a lei como se fora un BIC” advirten. “Ademais, aínda que se sinale “publicidade comercial” tamén se sinala ao que “deturpe a apreciación do ben dentro do seu contorno” engaden.

A ordenanza de limpeza, que o PSOE utilizou para promover unha multa ao BNG por unha campaña informativa, prohíbe expresamente tamén a colocación de elementos coma este nos bens patrimoniais.

O PSOE retruca cun video colgando a faixa cun guindastre

O PSOE acusou o golpe publicando un video sobre a instalación das polémicas pancartas. Nas imaxes vese como un guindastre con cesta móbil serve para acceder á pasarela, pechada, e como varios activistas da formación proceden a despregar as faixas.

Outro dos intervintes no polémico debate advirte á persoa que o publicou que “se tiveras a máis mínima idea da lexislación vixente en materia de seguridade laboral e en concreto no uso e manexo de plataformas elevadoras sacarias de inmediato éste vídeo porque igual sin querer metes os teus colegas nun problema”.

O goberno local do PSOE anunciara multas e denuncias para quen accedese de forma irregular ao Pasatempo. Está por ver se cumpre co anunciado e procede a identificar e sancionar aos responsables de tal suceso.