Máis de doce mil persoas leron Xornal de Betanzos en xuño

Xornal de BetanzosO proxecto informativo de proximidade de Xornal de Betanzos afiánzase como un espazo informativo de referencia a xulgar polas estatísticas dos últimos meses. O último trimestre experimentou unha progresión no número de visitas totais en constante crecemento, pasando das 9165 visitas únicas de abril ás 12690 do mes de xuño que acaba de pechar. En maio foran 10481 as visitas únicas contabilizadas pola tecnoloxía WordPress.

A media de visitas únicas diarias pasa así das 306 de abril ás 338 de maio e 423 de xuño. As cifras acumuladas amosan a consolidación deste proxecto informativo como fonte dixital de información de proximidade para Betanzos e os seus contornos, cumprindo un dos obxectivos fundacionais do proxecto.

Con 1516 visitas únicas contabilizadas polo motor WordPress, a nova da praia do Pedrido, pechado ao baño pola Dirección Xeral de Saúde Pública foi a máis vista en xuño. Seguiuna, con 688, a licenza para o novo tanatorio dos Remedios. Completa o podio, con 476  visitas únicas en apenas 4 días, a xustificación do incremento de dedicacións e retribucións para todos os concelleiro do PSOE porque “a lei o permite”.

Dez anos nas pantallas

Xornal de Betanzos cumpriu o pasado mes de xuño dez anos de presenza na rede. Desde aquela, atrevesou dous períodos de inactividade que se reflexan perfectamente na estatística histórica da audiencia. O cambio de dirección, a aposta por ampliar os contidos culturais e deportivos e a introdución de reportaxes sobre temas que non centran estrictamente a actualidade local ten sido ben acollida pola comunidade de lectores que da sentido día a día á existencia deste portal informativo.

O pasado ano presentamos un novo web, moito máis áxil e intuitivo que o soporte orixinal, que ten contribuído sensiblemente ao incremento do volume de cifras. O pasado mes estrenamos a sección de publicidade, que viña sendo demandada por profesionais da comarca para visibilizar os seus negocios.

Queremos agradecer o apoio dos nosos lectores e continuar informando do mellor xeito posible.