Irixoa, Monfero, Coirós e Aranga no máximo nivel de alerta por covid-19

Malos datos de incidencia da covid-19 na comarca. Os 21 casos rexistrados en Irixoa de covi-19 confirmados con proba diagnóstica disparan a incidencia da pandemia no concello ata os 1574 puntos. Hai 14 días había 12 casos, polo que o surto compartido cos municipios de Paderne e Monfero pon a estes concellos á cabeza da comarca en incidencia acumulada.

Monfero suma 621 puntos, baixando de 14 a 12 casos nos últimos 14 días. Paderne sitúase en 459, con 11 casos diagnosticados de covid-19 nos últimos 14 días, con tendencia tamén á alza. Betanzos mantense á alza tamén, con 239 puntos de incidencia acumulada e 31 positivos diagnosticados, 5 máis que hai 14 días. Aínda no día de onte, o CEIP Vales Villamarín notificaba a detección doutro caso positivo entre alumnado do centro.

Abegondo sobe ata os 240 por incrementar nos últimos 14 días os positivos por covid-19 detectados de 11 a 13.  Coirós, Vilasantar e Curtis, sen datos concretados, móvense entre os 150 e 250 puntos de incidencia acumulada, Vilarmaior, Miño, Oza-Cesuras, entre os 50 e 150. Aranga ten máis de 250 puntos de incidencia acumulada.

Sada baixa ata os 107 puntos de incidencia acumulada ao reducirse o número de positivos de covid-19 de 23 a 17 nos últimos 14 días. A tendencia á baixa séguese nesa banda da ría ao baixar Bergondo dos 21 aos 19 casos, situando a súa incidencia acumulada en 286 puntos.