Intervención advirte de irregularidades nas contratacións do goberno Barral

Barral nun pleno

Facturas irregulares do ano 2018 e de exercicios anteriores irán a pleno mañá dentro dun lote que ascende a 463 839 euros. O PSOE pedirá- e aprobará dada a súa maioría absoluta- habilitar fondos para pagar case medio millón de euros de facturas para as que non hai fondos ou ás que pon pegas a Intervención.

A proposta do goberno Barral é pagar esta cantidade con cargo ao remanente de tesourería do pasado exercicio, isto é, o que non investiu o pasado ano. O motivo, que non hai fondos previstos para elas ou non abondan os que están rexistrados no orzamento, segundo advirte a funcionaria encargada de velar pola legalidade da xestión económica do Concello.

A funcionaria municipal advirte de que a modificación no orzamento, que corresponde aos capítulos de gastos e ingresos, “vai afectar á estabilidade orzamentaria” do Concello. Intervención fai reparos ao recoñecemento extraxudicial de crédito para o que se propón o suplemento extraordinario, entre outros motivos, polo fraccionamento dos gastos, pola indebida contratación de máis dun servizo idéntico cos mesmos provedores, por instrumentar a contratación de persoal a través dun contrato de servizos ou por elevados gastos en accións de protocolo.

O PP xa adiantou que votará en contra e reprocha que o PSOE fachendee de “ter débeda cero”.

O PSOE insiste no superávit do pasado ano

O concelleiro de Facenda, Diego Fernández, insiste en que o municipio pechou o pasado ano con superávit e asegura que parte das facturas que se pagarán como cedo en agosto son de servizos prestados o pasado ano que entraron neste 2019 no Concello.

Que é o remanente?

O Tribunal de Cuentas no seu portal informativo explica que”o remanente de tesourería reflicte a situación de liquidez da entidade ao peche do exercicio, que se atopa dispoñible para financiar gastos, resultando un indicador moi importante para valorar a solvencia financeira a curto prazo da Entidade local”.

O Remanente de tesourería obtense como suma dos fondos líquidos máis os dereitos pendentes de cobranza, deducindo as obrigacións pendentes de pago e agregando as partidas pendentes de aplicación. En síntese, é o indicador que presenta a situación financeira da entidade se, ao 31 de decembro, tivese que pagar todas as súas débedas cos seus recursos a curto prazo.

Cando o Remanente de tesourería presenta valores negativos, indícanos que a Entidade local terá que obter maiores recursos futuros para atender o exceso de gastos, é dicir, a entidade é incapaz de afrontar as súas débedas ao finalizar o exercicio. Esta insolvencia a curto prazo xorde porque ao longo do exercicio houbo máis gastos que ingresos, sen que os recursos líquidos sexan suficientes.