Hermida cambia de versión 3 veces en 24 h, enrócase e deixa en mans de Barral o seu cese

María Barral evitou estes días respaldar a Andrés Hermida tras ser sorprendido de viños saltándose o estado de alarma. Imaxe do Concello

Tres comunicados distintos, con tres versións diferentes e que chegan a  opostas en apenas 24 horas. Esa foi a evolución dun Andrés Hermida que cheo de soberbia sinalaba, primeiro ao PP e logo a unha veciña particular como autores da grabación e a súa filtración, ofrecendo denuncias. “He venido para quedarme” aseguraba ás nove da mañá de onte, antes de que, forzado probablemente polo partido e o gabinete de prensa municipal, retirase un extenso comentario na rede social facebook e asinara un novo texto, moito máis comedido.

Se ás nove e tres minutos de onte Andrés Hermida aseguraba que “no me arrepiento de nada” e acusaba á veciña que o grabou de “esconderse detrás de un móvil”, horas despois, probablemente forzado polo partido, si que se arrepentía. “Lamento y pido disculpas por la situación”, viña dicir no novo texto, publicado en substitución do anterior ao fío das cinco da tarde o edil e candidato do PSOE ás aleccións adiadas ao Parlamento de Galicia, previstas para o pasado 5 de abril.

Nun tono excesivamente soberbio logo de ter sido sorprendido saltándose as normas que rixen o vixente estado de alarma, aseguraba que “para aquellos y aquellas que piden mi cabeza señalarles que no se preocupen, que seguiré trabajando como lo hago todos los días, y sobretodo con corazón. Pese a quien le pese, yo he venido para quedarme”. Un “he venido para quedarme” que horas despois, e tras ser retirado do seu perfil da rede social facebook, mutaba, en declaracións a Europa Press nun “se me di a alcaldesa que presente a miña dimisión fágoo”.

Así que a pelota agora está en mans dunha alcaldesa que ao longo destes dous días evitou por todos os medios respaldar publicamente ao seu edil. O goberno local remitiu na tarde do pasado domingo unhas escuetas declaracións nas que aseguraba que as imaxes de Hermida de viños en pleno estado de alarma e incumplindo coa normativa que o executivo pide respectar á veciñanza eran desafortunadas. O goberno Barral tan só pediu que o traballo de Protección Civil non se vira cuestionado polo contido desta grabación. Porén, consciente co crítico do momento, o PSOE parece ter mobilizado aos seus afiliados nas redes sociais para defender a conduta do edil.

Agora Barral terá que decidir: cesar ao edil de Urbanismo- o PSOE fixo o propio cun rexedor do seu partido sorprendido tamén saltándose as normas do confinamento- ou mantelo como se nada pasara e asumir ela directamente a responsabilidade de mantelo no cargo. A oposición, polo momento, demandou “responsabilidade” e “explicacións” a Barral polo acontecido.