O goberno local instala un contador cara o 800 aniversario da mudanza desde Tiobre

O daquela alcalde, Ramón García, e a concelleira de cultura e hoxe alcaldesa, María Barral, na presentación do logo

O goberno local inaugurou en solitario un reloxo cunha conta atrás que irá indicando os días que faltan para o 13 de febreiro, data na que, cun festivo local e un programa de actos, celebrará o 800 aniversario do traslado de Betanzos desde Tiobre.

Os edís do PSOE posaron na inauguración do contador ao pé da torre municipal. O artiluxio, cunha placa solar, está construído en aceiro cortén- de característica cor ferruxe- en forma dun tótem de altura superior a unha persoa e ten o logotipo do evento.

O executivo local insiste en que a celebración dos 800 anos da “fundación” de Betanzos fará de 2019 un “ano importante” para o municipio. Polo momento, anunciaron que tanto a Lotaría Nacional como a ONCE poñerán a imaxe deste festexo en senllos boletos do seu sorteo, en principio para o propio 13 de febreiro.

Os mitos do 800 aniversario: o 800 aniversario da fundación da cidade

O goberno local tamén solicitara exencións fiscais ao goberno central para favorecer o patrocinio destes eventos e unha visita da Familia Real á cidade. Ademais, reuniu unha comisión de expertos e edís para configurar o programa, aínda por desvelar.