O goberno local anuncia nunha reunión con Fomento unha nova estrada para sacar o tráfico do centro de Betanzos

María Barral é a alcaldesa de Betanzos

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, mantivo onte un encontro coa alcaldesa de Betanzos, María Barral, para analizar a posible creación dunha nova estrada que conecte da N-VI coa autovía A-6 que permitiría segundo afirmaron retirar gran parte do tráfico pesado que actualmente atravesa o núcleo urbano. Responsables da Demarcación de Estradas presentes na reunión explicaron que manexan dúas alternativas de trazado para esta conexión, que prevé na ligazón de Piadela.

Segundo avanzaron, o Ministerio de Fomento expón a posibilidade de construír un paso superior sobre a vía do ferrocarril ou un paso inferior. O orzamento estimado para esta actuación oscila entre os 4,5 millóns da primeira opción ou os 5,2 millóns da segunda alternativa.

Fomento cualificou de necesario mellorar as conexións en Betanzos, cuxo núcleo está atravesado polas estradas N-VI e N-651, de forma que os vehículos que circulan por elas deben atravesar o centro da vila cos consecuentes problemas de capacidade e seguridade viaria, de contaminación e impacto sonoro. Aos problemas derivados do elevado tráfico de vehículos polo núcleo, Fomento suma as carencias de accesibilidade desde Betanzos á autovía A-6, dado que a ligazón entre esta autovía e a N-VI sitúase ao leste, nun punto moi afastado do centro.

Fomento defende que a conexión da N-VI na ligazón de Piadela “permitiría mellorar notablemente o acceso desde Betanzos e a súa contorna coa autovía A-6, supoñendo unha alternativa á estrada autonómica AC-542 que conta cun trazado moi sinuoso”. O departamento estatal estuda as alternativas e evita fixar prazos para esta obra.

A subdelegada do Goberno e a alcaldesa de Betanzos aproveitaron tamén o encontro para analizar os progresos na obra que executa o Ministerio de Fomento na Ribeira para paliar as inundacións.