Gelo anuncia que recorrerá o nomeamento de Santiso e este exixe que respecte a decisión democrática doutros 4 alcaldes

María Barral e Santiso Miramontes, presidente e vicepresidenta do Consorcio. Imaxe do Concello

Segue a ópera bufa do Consorcio das Mariñas. Tras coñecerse o nomeamento de Santiso Miramontes como presidente grazas á entente PSOE-PP, o rexedor de Oleiros anunciou que impugnará o pleno no que tal acordo se adoptou. Ángel García Seoane asegura que se incumpriron as leis ao adoptar este acordo, ademais de engadir que Santiso “non fai nada” e que convertiu o Consorcio nunha “axencia de viaxes”.

Segundo se coñeceu a postura do rexedor oleirense, o de maior tamaño de todos os que integran o ente supramunicipal en horas baixas, Santiso Miramontes exixiu a Gelo que “actúe con responsabilidade e respecte as decisións democráticas”. Asegurou que os votos dos tres alcaldes do PSOE e o do rexedor independente de Cambre, sumado ao seu propio, dálle 85 votos fronte aos 52 que obtivo Seoane. Santiso sostén que a súa elección conta con “amparo legal sólido” e cuestiona os “bulos” que lanza o alcalde de Oleiros.

O sistema de elección do Consorcio atribúe a cada alcalde a totalidade de votos dos edís que integran a Corporación que preside. Así, por exemplo, María Barral fíxose coa vicepresidencia sumando os 17 votos da Corporación betanceira, non só os das forzas que selaron o pacto polo que ela e Santiso se repartiron vicepresidencia e presidencia, PSOE e PP, respectivamente.