Gelo ameaza con disolver o Consorcio das Mariñas se non abandona a presidencia Santiso Miramontes

Gelo e Santiso Miramontes na canceira de Abegondo dependente do Consorcio

O do Consorcio das Mariñas hai tempo que se convertiu nun sainete, cos alcaldes asegurando que toman as decisións por unanimidade e logo descualificándose mutuamente nos medios de comunicación. A última entrega do folletín, a ameaza de Ángel García Seoane, alias Gelo, de disolver o Consorcio no caso de que José Antonio Santiso Miramontes (rexedor de Abegondo polo PP) mantén a presidencia. Supostamente hoxe os rexedores sentan xuntos para decidir quen asumirá a presidencia.

O Consorcio está adscrito a Oleiros desde a última reforma da lexislación local por parte do PP. E desde aquela altura os enfrontamentos do alcalde oleirense cos seus restantes homólogos son unha constante- agás coas rexedoras de Bergondo e Betanzos e o de Sada, que sempre calaron diante de cada conflicto.

Tras defendela publicamente, agora Gelo critica a xestión económica de Santiso Miramontes, a pesar de que, aseguran os alcaldes, as decisións as toman por unanimidade. Isto é, ata el tería apoiado as decisións que chegaron ao pleno do Consorcio, composto únicamente polos oito rexedores. Seoane asegura que se está consentindo o incumprimentro do contrato da recollida do lixo e que Miramontes convertiu o Consorcio nunha” axencia de viaxes”.