Fondos FEDER financiarán o cambio a ledes das farolas en Saavedra Meneses

Final da avenida Saavedra Meneses

A avenida de Saavedra Meneses e outras rúas do centro histórico e rúas do núcleo urbano así como as principais vías de saída do núcleo urbano en dirección a Ferrol, As Angustias e Infesta; e estradas en dirección a Oza, Paderne e Sada beneficiaranse dos fondos FEDER
de crecemento sustentable 2014-2020 con subvencións directas a proxectos singulares de entidades locais.

En total investiranse 568 579 euros en actuacións de renovación das instalacións de iluminación pública, iluminación pública e sinalización pública exterior para mellorar a eficiencia enerxética e a consecuente redución das emisións de dióxido de carbono. O proxecto significará substituír 662 luminarias convencionais por outras de tecnoloxía led, o que se traduce nunha redución anual do consumo de enerxía do 76% do consumo actual dese conxunto de luminarias. Este aforro, pola rebaixa de potencia, non afectará, con todo, ao fluxo luminoso que será similar ou, mesmo, superior ao actual.

O proxecto inclúe tamén actuacións complementarias necesarias para a adecuación das instalacións ao regulamento electrotécnico para baixa tensión e para garantir o bo funcionamento das luminarias led. Prevense, neste sentido, a substitución das luminarias por tecnoloxía led, a substitución de centros de mando e unha reforma da instslación eléctrica que afecta o cableado e as tomas de terra.