Foi realmente o 800 aniversario un revulsivo para Betanzos? (e 2)

Danza de xastres durante o acto oficial do 800 aniversario. Concello

Betanzos celebrou ata o pasado día 13 de febreiro os fastos do 800 aniversario do traslado da cidade desde Betanzos o Vello ao seu actual emprazamento. Foi unha celebración para a que formalmente o goberno local solicitou propostas á Corporación, aos exalcaldes e a unha comisión de expertos creada ao efecto -composta polo cronista, o arquiveiro municipal, o historiador Xesús Torres e os catedráticos de Universidade Eduardo Fuentes Abeledo e María Teresa Amado- e ata mediante web á veciñanza. Mais como se denunciou e demostrou posteriormente, foi o executivo local quen ía introducindo actos no marco deste suposto programa extraordinario.

Vencida a efeméride, acabado o que pomposamente o executivo socialista alcumou “O ano de Betanzos”, para Barral e o seu equipo o evento pechouse con suceso de público. Este mes, o PSOE, partido que sustenta o goberno local e que ideou evento e programación, asegura no xornal Betanzos e a súa comarca, que foi “un ano para non esquecer” e que “serviu para poñer en valor a historia, cultura, raíces, e tradicións”.”Un punto de inflexión para poñer en marcha proxectos que sexan importantes para o crecemento do concello” asegura o PSOE.

Pero, realmente, tivo tal suceso o evento como pretende facer ver o goberno local? Xa vimos nunha entrega anterior que non se cumpriron os anuncios do goberno socialista de dar incentivos fiscais para o seu patrocinio  nin a visita da Casa Real. Que máis?

Programación cultural “de referencia”?

O goberno local ante o reloxo da conta atrás para o evento, coa ruína do Casco Histórico de telón de fondo. Foto do Concello

O executivo Barral asegura que Betanzos foi referencia cultural do país con este 800 aniversario. Ao que se chegou foi ao concerto de Carlos Núñez en San Francisco- un máis na xira especial que realizaba por mosteiros e catedrais con instrumentos recuperados do medievo-, o peche coa retirada no estado español de Leo Nucci no mesmo escenario e os concertos de Luz Casal e a OSG durante as festas patronais.

A maiores, a estrea do tema composto para a ocasión por Carlos Bau, que ninguén hoxe recoñecería como tonada dedicada á cidade, e outro orquestal titulado “Historias da Vella Untia”. O resto da programación cultural foi apropiarse o goberno local da iniciativa de asociacións e colectivos arrimándolle o seu logotipo: conferencias, xornadas, exposicións… Desde o instituto ata asociacións culturais, a alcaldesa retratouse con diversos responsables da sociedade civil para atribuír á súa programación a actividade cultural que desenvolvían. Outrotanto pode predicarse das citas deportivas que con esmero clubes e entidades prepararon ao longo do ano- coma en anos anteriores- ou que lograron atraer grazas ao seu traballo durante toda a tempada.

O 8 de Sargadelos, nas tendas de segunda man

O logotipo do 800 aniversario en cerámica do Castro á venda nunha tenda da Coruña. Imaxe do BNG

Non pasa de anécdota, pero é sintomático. O goberno local encargou á Cerámica do Castro o deseño e producción do logotipo do evento, un 8 duns 40 cm, para repartir como agasallo institucional. Nin aclarou o custo nin o número da tiraxe exclusiva. Pero algún dos agraciados decidiu que non lle facía oco na casa e poñelo á venda nunha tenda de vello. O asunto chegou ao pleno, con moita retranca.

Posta en valor da Historia da cidade?

Supostamente era unha das finalidades da celebración: amosar a rica historia da cidade e poñela en valor como atractivo económico. Reduciuse a oito cubos de grande formato, que compoñen a palabra Betanzos e que recollen un resumo da historia local un tanto particular, cargado de omisións clamorosas e de nesgos inexplicables. Onde falta un dos betanceiros que máis marcou a Historia do país, Antolín Faraldo, e onde se eleva a feitos históricos a apertura na súa actual sede da biblioteca municipal.

Supostamente ía ser unha mostra itinerante, polos barrios da cidade, mais o certo é que percorreu Campo, Condesa, Xuncaliño e praza.

Un revulsivo?

Segundo o goberno Barral, os fastos do 800 aniversario habían de ser un revulsivo para a cidade. A mesa de exalcaldes pediu ata investimentos extraordinarios en infraestruturas que non fixeran nos seus respectivos mandatos. Mais a celebración seguiu a coincidir con derrubamentos nun Pasatempo pechado, caída de casas no Casco Histórico, coa ruína acelerada da Fábrica da Luz, a broza comendo o Mosteiro das Donas- só se aprobou incluilo no plan de obras da Deputación, e tras ironizar o BNG con que caía no ano dos fastos do 800 aniversario- e un longo etcétera.

Tampouco os datos da evolución do desemprego ou o padrón de habitantes apoian tal afirmación. Un leve repunte, lonxe dos anos precedentes no censo, e un elevado número de desempregados nos meses en que maior era o investimento público en fastos- xullo e agosto- botan por terra tal afirmación: 0 2019, o pomposmente denominado “ano de Betanzos” foi, simplemente, un ano máis cun gasto adicional en eventos e materiais promocionais en diversos formatos que, antes da pandemia, a xulgar polos indicadores turísticos ou demográficos, non fixeran o punto e aparte que proclamaba o goberno Barral.