Foi realmente o 800 aniversaaio un revulsivo para Betanzos?

A alcaldesa e o presidente da Xunta

Betanzos celebrou ata o pasado día 13 de febreiro os fastos do 800 aniversario do traslado da cidade desde Betanzos o Vello ao seu actual emprazamento. Foi unha celebración para a que formalmente o goberno local solicitou propostas á Corporación, aos exalcaldes e a unha comisión de expertos creada ao efecto -composta polo cronista, o arquiveiro municipal, o historiador Xesús Torres e os catedráticos de Universidade Eduardo Fuentes Abeledo e María Teresa Amado- e ata mediante web á veciñanza. Mais como se denunciou e demostrou posteriormente, foi o executivo local quen ía introducindo actos no marco deste suposto programa extraordinario.

Vencida a efeméride, acabado o que pomposamente o executivo socialista alcumou “O ano de Betanzos”, para Barral e o seu equipo o evento pechouse con suceso de público. Este mes, o PSOE, partido que sustenta o goberno local e que ideou evento e programación, asegura no xornal Betanzos e a súa comarca, que foi “un ano para non esquecer” e que “serviu para poñer en valor a historia, cultura, raíces, e tradicións”.”Un punto de inflexión para poñer en marcha proxectos que sexan importantes para o crecemento do concello” asegura o PSOE.

Pero, realmente, tivo tal suceso o evento como pretende facer ver o goberno local?

Nin incentivos fiscais nin visita dos reis

Corría 2017 e o goberno socialista anunciaba xa a súa intención de que a efeméride fose considerado acontecemento de excepcional interese público para os efectos do disposto no artigo 27 da Lei 49/2002, de 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, nos orzamentos xerais do Estado para os anos 2019 e 2020. “Esta consideración levaría aparelladas máximas deducións fiscais, o que permitiría abordar o ambicioso programa en condicións beneficiosas para o Concello de Betanzos” explicaban nunha nota de prensa que se reiterou durante os meses que transcorreron entre o anuncio da medida e o seu acordo efectivo no pleno da Corporación, e aínda despois.

Solicitábaselle así ao goberno español que concedera beneficios e incentivos fiscais para as empresas que patrocinaran o evento, ao xeito do que acontece con outros eventos de máis amplo alcance, como o Xacobeo. Varios comunicados de prensa do goberno municipal se sucederon durante meses, dando conta do interesante que había resultar para as empresas patrocinar un programa que na altura se descoñecía por completo, practicamente dando por feito que o goberno español accedería.

Mais o certo foi que nin o ministro Montoro, do PP, nin a ministra Montero, do PSOE, accederon a tal solicitude. Se o goberno español contestou denegándoa é algo que non trascendeu, mais o certo foi que en ningunha inserción publicitaria de ningunha marca comercial se puido ler, ver ou oír o de “empresa patrocinadora do 800 aniversario de Betanzos”, como acontece con outros múltiples eventos.

Tampouco logrou o goberno local visita dos reis. Empezou do mesmo xeito, anunciando que habían pedir presenza dos reis para algún evento do programa, logo anunciando que remitiran unha carta solicitando tal presenza e, á postre, rebaixando os anuncios ao pasar de falar da presenza dos reis á da “Casa Real”. Nin unha nin outra, malia a expectativa creada polo goberno local socialista.

Reunión de exalcaldes no Edificio Arquivo

Sorteo da Lotería e boletos da ONCE: acórdaste do último que se celebrou, que levaba de imaxe?

Dous boletos da ONCE levaron este ano o logotipo do evento- deseñado por un vasco que nunca Betanzos pisara- e a imaxe do globo. E un sorteo itinerante da Lotería Nacional serviron, segundo o goberno Barral, para promocionar a cidade grazas ás imaxes contidas nos boletos de ambos xogos de azar e a transmisión televisiva do sorteo, celebrada na aula de cultura.

Recordas a imaxe que levaba o cupón da ONCE do último sorteo celebrado? Seguro que, exceptuando premiados e coleccionistas, ninguén a retén na memoria. Recordas onde foi o último sorteo itinerante da lotería? Seguro que só os premiados, algúns, e o equipo de producción.

Era un dos platos fortes do evento, a xulgar pola difusión que tentou darlle o goberno local, sorteando entradas para asistir como público e ver rular os bombos no interior do Edificio Arquivo.