Finalmente La Vuelta 2021 non pasará por Betanzos malia as expectativas creadas por María Barral

Barral presentando a Semana Santa en FITUR. Concello

Hai xusto un ano e en plena efervescencia en FITUR, a alcaldesa María Barral anunciaba que Betanzos estaría presente na edición 2021 de La Vuelta, a terceira proba en importancia do mundo para a modalidade de ciclismo en estrada tras o Tour e o Giro. Aseguraba na altura que o impacto de ocupar uns minutos nas retransmisións deportivas ofrecidas por TVE supoñen un grande respaldo económico para a localidade e a súa promoción turística.

Porén, non será tal. A edición de 2021 pisará chan galego, si, pero o máis próxima que estará a Betanzos será no seu remate na praza do Obradoiro. Desde A Fonsagrada, procedente de Asturias, ata Monforte de Lemos, de Sanxenxo polas Rías Baixas cara Compostela e contrarreloxo desde Padrón ata a praza do Obradoiro, onde rematará a edición deste ano, nunha chiscadela ao Xacobeo, esas son as tres etapas de La Vuelta 2021 que pisarán solo galego.

A rexedora anunciaba que, como parte da estratexia turística do gabinete socialista, a localidade repetiría a experiencia de 2016, cando unha etapa partiu do Campo. O executivo, do que ela era na altura primeira tenente de alcalde, aseguraba un impacto económico “incalculable” para a localidade mentres increpaba aos nacionalistas por pedir o detalle dos gastos en que incorrera para editar globos de plástico e milleiros de panfletos, repartir racións de tortilla e colar ao secretario xeral do PSdG entre as autoridades cando non ostentaba ningún cargo público.

Malia os comunicados de prensa do gabinete municipal, aquel agosto non rexistrou un incremento de emprego, segundo as cifras oficiais que mensualmente publica a Xunta, nin a Oficina de Turismo, segundo os datos divulgados polo goberno local ao remate do verán, experimentou un incremento reseñable das consultas.