Fiasco na primeira xornada de feira tras o estado de alarma

Unha feira en Betanzos

O goberno local fracasou onte na súa intención de reordenar a feira para recuperar a actividade con todas as garantías sanitarias tras suspender esta tradición desde o pasado 16 de marzo. A de onte estaba chamada a inaugurar unha nova era nas feiras, con ampliación do recinto feiral para deixar fóra da tradicional feira tan só os postos con produtos de segunda man.

Non foi así. Desde primeira hora o Campo- malia extender os seus brazos cara o Casco Histórico e a avenida de Castela- foi fonte de conflicto. Se os vendedores de produtos agrarios manifestaban terse conducido do xeito habitual e coa inercia acumulada xa desde a recuperación dos mercados- os vendedores xubilados foron excluídos e só poden estar no mercado agricultores profesionais- textil e calzado atopáronse con problemas.

O goberno local remitira varios comunicados de prensa anunciando redistribución de postos e disposición de itinerarios de entrada e saída, con postos dispensadores de xel desinfectante. Asegurou que tivera varias xuntanzas co sector e onte, logo de fracasar na organización da feira, remitiu un duro comunicado contra os feirantes, aos que acusa de exercer “presións” para instalar a feira sen garantías sanitarias.

Un extremo que, ao parecer, non é tal. En La Opinión de A Coruña,o presidente da Asociación Galega de Vendedores Ambulantes denuncia que “púxenme en contacto coa concelleira varias veces e foime imposible falar con ela. Non falaron connosco, nin nos contestaron ao escrito que metemos por rexistro”. Outros vendedores aseguran que, o día antes da feira, tentaron infructuosamente reunirse co goberno Barral para ser informados sobre como se desenvolvería a feira. O certo é que os vendedores agrúpanse en varios colectivos, por veces enfrontados, e que, ao parecer, o goberno socialista tan só mantivo contactos cunha parte deles. Non sería a primeira vez que o goberno socialista convoca tan só a unha parte da sociedade a este tipo de consultas, acontecera coa proposta de regulación do tránsito na zona monumental.

Conflicto tamén no mercado

A situación de conflito rexistrada onte na feira deuse, con menor intensidade, tamén cando se recuperou a celebración dos mercados agrarios. Tras citar a todos os vendedores que acudían cos postos, unha vez instalado o mercado o goberno Barral informou que tan só poderían estar nel os agricultores profesionais, facendo aos agricultores xubilados retirar a súa mercancía, ocasionando malestar polo traballo en balde e as perdas no produto que se levara á praza.

Malestar na hostalaría

Hostaleiros do Campo manifestaban onte tamén o seu malestar coa forma en que o goberno Barral xestionou a recuperación da feira. Aseguran que sacaron traballadores que tiñan no ERTE a causa da pandemia e que, agora, sen ingresos pola feira, terán que asumir a perdas. Non descartaban onte reclamacións diante do Consistorio.

O goberno local responsabiliza aos ambulantes

O executivo socialista remitiu onte un comunicado de prensa no que aseguraba que non admitiría “presións” dos feirantes, aos que acusaba de tomar a decisión de plantar a feira “o mesmo día de celebración da feira a pesar de que eran coñecedores das recolocacións de postos xa que a concellería de Comercio mantivo durante estas últimas semanas ata tres reunións para acordar os cambios”, un extremo que cando menos dous representantes de colectivos de vendedores xa desmentiron.

Os socialistas enrócanse e advirten de que por máis que protesten os feirantes, “o feito de que os vendedores protesten por non manter a mesma localización de sempre ou por non aceptar a organización consensuada, por outra banda, cos seus representantes, xa que é inviable facelo con cada vendedor, non vai facer cambiar a postura do Concello”

Este é o comunicado íntegro:

Ante a situación xerada esta mañá por parte dos vendedores ambulantes de téxtil e o seu rexeitamento ás medidas establecidas polo Concello na organización da mesma e a súa decisión de abandonar o recinto, o goberno local desexa:

-Lamentar a decisión dos vendedores ambulantes, unha decisión tomada o mesmo día de celebración da feira a pesar de que eran coñecedores das recolocacións de postos xa que a concellería de Comercio mantivo durante estas últimas semanas ata tres reunións para acordar os cambios e adaptalos á normativa de seguridade como consecuencia da Covid 19

-Nesas reunións informouse os representantes dos vendedores de que o Concello quería facilitar ao máximo o desenvolvemento da feira. Por iso, ampliou a superficie da mesma pola avenida de Castela e o centro histórico, evitando así que as limitacións de aforo non lle afectasen aos vendedores e desta forma non houbese que reducir o número de postos.

-Evitouse levar a feira a outras localizacións para mantela na praza García Irmáns, xa que se consideraba prexudicial para os vendedores facer ese traslado a outras zonas da cidade con maior superficie que a propia praza.

-Partindo desta base, reorganizáronse os postos, agrupándoos, para deixar corredores o suficientemente anchos para que se puidese transitar mantendo as medidas de seguridade en ambos os sentidos. Os postos quedarían unidos, uns a outros, tendo a obrigación colocar un plástico polo medio de separación.

-Esta disposición variou, evidentemente, a localización dos postos na praza. Pero esta variación débese exclusivamente ao plan de seguridade establecido polo Concello non só para garantir a seguridade dos vendedores senón tamén aos visitantes con catro entradas ao recinto e outras tantas saídas e corredores anchos que garantan a seguridade entre as persoas, obrigando a acceder á feira con máscara e as mans desinfectadas.

-O goberno local lamenta que esta recolocación non sexa do agrado dos vendedores, a pesar de que contaba co visto e prace dos seus representantes, ao levar aparellada que os postos teñan que moverse uns metros e non poidan manter a posición que desde hai anos ocupaban. Considera que o feito de manter a feira na propia praza reduce os posibles efectos negativos que estes cambios poidan supoñer para os vendedores.

-O goberno local pretende colaborar ao máximo cos vendedores, como vén facendo desde hai anos. De feito é un dos colectivos aos que se vai a favorecer desde o Concello coa supresión de taxas pola afectación do estado de alarma. Con todo, en ningún caso vai aceptar presións para cambiar o seu plan de desenvolvemento da feira no que prima, por encima de todo, a seguridade das persoas.

-O feito de que os vendedores protesten por non manter a mesma localización de sempre ou por non aceptar a organización consensuada, por outra banda, cos seus representantes, xa que é inviable facelo con cada vendedor, non vai facer cambiar a postura do Concello que, de todos os xeitos, mantense aberto a manter conversacións co colectivo para, partindo do plan xeral establecido para a celebración da feira, poder facer algunha variación de forma puntual.