Ferido de gravidade un motorista ao que imputan conducción temeraria

O percance tivo lugar nas inmediacións da gasolineira na avenida Fraga Iribarne

Na tarde do pasado mércores resultou ferido de gravidade un motorista na avenida de Fraga Iribarne en Betanzos. Sobre as seis da tarde e no medio dunha importante retención en ambos sentidos de circulación, P. F. R., de 35 anos e veciño de Coirós, circulou entre ambas ringleiras de coches.

O condutor dun dos automóbiles tería tratado de virar para ir á gasolineira que hai nas inmediacións do barrio da Condesa e o motorista non logrou evitalo. Coa manobra perdeu o control da motocicleta e chocou frontalmente contra outro vehículo, saíndo despedido e caendo na calzada, o que lle ocasionou danos de gravidade e o seu traslado á UCI.

Ao lugar desprazáronse efectivos de Protección Civil, do 061 e da Policía Local, que instrúe un atestado por considerar que o motorista conducía a exceso de velocidade (está limitada a 40 km/h) , entre dous carrís e pisando a liña central continua da estrada.

Os axentes locais contan coas gravacións de varias cámaras de seguridade que existen nesa avenida. Ademais, a moto circulaba sen placas de matrícula. A Policía tamén pediu xudicialmente que se lle realizase as probas de alcol e drogas en sangue. Polo momento imputóuselle un delito contra a seguridade viaria por circular de forma circular temeraria.