Fenosa denuncia á Xunta por catalogar a fábrica da luz

A fábrica da luz desde o Mendo

O DOG de onte publicaba o anuncio da Consellería de Cultura e Turismo dando traslado da denuncia ante o Contencioso interposta por General de Edificios y Solares SL pola catalogación da fábrica da luz, acordada o pasado mes de decembro.

A división inmobiliaria da antiga Unión Fenosa segue na teima de demoler o edificio proxectado por López Cortón e González Villar á beira do Mendo, que desde finais do pasado ano goza de protección como monumento.

“Notifícase para xeral coñecemento de todas as persoas interesadas no procedemento, que son emprazadas para que poidan comparecer como parte nos autos da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de nove días, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia” expón o diario.

Ata o de agora os recursos da empresa para esquivar a súa obriga de conservar o inmoble foron desestimados polos tribunais. Recentemente, a sala do contencioso administrativo número tres da Coruña ditou un auto que obriga á mercantil a realizar unha serie de actuacións para asegurar o edificio.

“Neste edificio estivo a sede das industrias da familia Núñez, unha das máis representativas da historia empresarial da provincia da Coruña de principios do século XX. Ademais, o seu promotor, o enxeñeiro José López- Cortón Viqueira, estivo vinculado con outros proxectos de modernización na Galicia de principios do século XX, como o tranvía da Coruña”, destacaba na súa resolución de decembro a Xunta ao ordenar a catalogación do edificio, unha demanda que durante décadas defendeu o BNG.

Na súa resolución, Cultura apuntaba á necesidade de realizar “actuacións urxentes para frear a deterioración” da antiga fábrica da luz. Unhas intervencións que a propiedade se resiste a adoptar, fixa a súa idea en demoler o inmoble. As normas subsidiarias aprobadas polo PSOE en 1997 prevén no predio un bloque de pisos de varias alturas e unha rúa con máis edificacións na parte posterior da finca.