Feijóo non amplía as restricións ao lecer a Betanzos malia a situación da comarca coruñesa e o desprazamento á localidade

O presidente da Xunta abrázase á voceira do PP de Betanzos na praza. Imaxe de arquivo do facebook do PP betanceiro

A Xunta non modificou onte as restriccións de mobilidade na comarca da Coruña diante da situación xenerada polos surtos da covid-19, onde os expertos falan xa de transmisión comunitaria. Feijóo asegurou onte que non haberá “polo momento” restricións á mobilidade na área sanitaria da Coruña-Cee. Si anunciou novas prohibicións, como as visitas a hospitais, e a de fumar na vía pública se non se pode gardar distancia de seguridade.

O Goberno Galego aposta así por gañar tempo, a pesar da evidente gran aceleración recente do virus. Feijóo anunciou o cribado masivo dos mozos, con “miles” de test PCR de COVID-19 todos os días entre menores de 40 anos. Tamén insistiu na necesidade de máis control no uso de máscaras, o que se pode interpretar como un tirón de orellas tanto aos habitantes da propia cidade da Coruña e do primeiro cinturón metropolitano, como aos seus mandatarios locais, que son alcaldes na súa maioría do PSOE.

“lamentablemente confirmamos que hai unha enorme relaxación nos controis que están en vigor na área sanitaria nos últimos cinco días. Ímonos dirixir aos concellos e á Delegación do Goberno para instar ás forzas de seguridade a que estean vixiantes e proactivos ante as indicacións que acabamos de dicir” asegurou o presidente en funcións da Xunta en rolda de prensa, derivando a responsabilidade de garantir as medidas sanitarias a outras administracións- goberno central e concellos.

A pesar do avance do virus na cidade da Coruña e o seu entorno máis próximo, onde xa se rexistraban onte 92 casos por cada 100 000 habitantes fronte á ratio galega, de 23 casos por 100 000 habitantes, Feijóo non limitou a mobilidade, como fixera na Mariña lucense a pouco máis dunha semana dos comicios. Así, seguen vixentes as restricións actuais, como a prohibición de reunións de máis de 10 persoas non conviventes, e a Xunta estuda ampliar as restricións ao lecer nocturno a máis concellos- aínda que polo de agora non se efectiviza, o cal deixa Betanzos a expensas dos desprazamentos de lecer e o conseguinte risco de contaxios asociado.

En sete dias, Sanidade volverá analizar a situación. A Consellería adoptou outra medida de aplicación inmediata nos seus recintos. Quedan prohibidas as visitas de familiares aos hospitais da área sanitaria. Ademais, mantéñense todas as restricións aprobadas fai cinco días, como as limitacións de aforo en tendas e centros comerciais e o peche dos locais de hostalería ás 1,00 horas. Non se ampliou o alcance das medidas sobre hostalaría e lecer a outros municipios limítrofes coa comarca coruñesa, como Betanzos, a pesar de que se ten rexistrado un incremento de afluencia aos establecementos desde que se aprobaron as restriccións na comarca coruñesa.

Prohibido fumar na rúa xa que “o humo* é un factor de transmisión”

A Xunta prohibiu fumar na vía pública se non hai distancia de seguridade. A medida entrou en vigor a pasada media noite. O DOG extraordinario indica que “no caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos na vía pública ou en espazos ao aire libre, incluídas as terrazas, só se poderá exceptuar a obriga de uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas”.

Para defender a medida diante dos medios, Feijóo pegoulle unha patada á gramática e dicionario galegos asegurando que “o humo* é un factor de transmisión”.