Faraldo asegura que as terrazas do Campo crean emprego e o BNG remítea aos datos de desemprego de agosto

As polémicas terrazas do Campo centran un dos puntos do pleno que forzou o PP

As polémicas terrazas do Campo centran un dos puntos do pleno que forzou o PP

Pleno bronco o de onte en Betanzos. O PP criticou que o BNG afease a convocatoria forzada polos conservadores para pedir tres informes. E os nacionalistas arremeteron contra o PP por pretender “pontificar” sobre as terrazas do Campo. Así comezou un pleno movido que os populares pretendían usar para forzar ao alcalde a dar marcha atrás nalgunha das decisións do equipo de goberno do PSOE que os conservadores non comparten.

Comezou coas terrazas, co PP esixindo explicacións sobre a retirada dunha das tarimas e demandando que se esclareza quen ordenou a retirada. A polémica que acompañou as tarimas desde o seu nacemento retornou ao pleno. O PSOE aireou novamente a estética da obra, o mal remate dos traballos e a falta de previsión do goberno do PP para instalar as terrazas sen renovar as acometidas de suministros para os edificios da zona. “Vostedes buscan unha polémica estéril”, asegurou o concelleiro de urbanismo, o socialista Antonio Vázquez Lorenzo.

Pedro Gómez Patiño, representante de cxB

Pedro Gómez Patiño, representante de cxB

CxB non quixo entrar en polémicas nas terrazas- cuxa instalación comezou cando aínda compartían goberno co PP. Pedro Gómez pediu que se esclarecera o asunto. O BNG volveu cuestionar que o PP “fundise” un plan anticrise para colocar as terrazas con cartos públicos e favorecer a seis locais “que agora escapan da criatura”, ironizou Henrique del Río. Recordou que o secretario advertiu dunha posible malversación de fondos ao permitir o goberno do PP a explotación das terrazas sen contrato e asegurou que “a mesma malversación que facía o PP faríaa agora o PSOE ao permitir que seguisen usándoas sen contrato”.  Insistiu en que se lle “regalaron” as terrazas aos hosteleiros ao non cobrarlles e esixiu responsabilidades a PSOE e PP por estes feitos.

Na defensa do seu proxecto, Faraldo asegurou que o Campo e as terrazas son o motor económico de Betanzos e xeneran emprego e cargou contra o BNG por asegurar que perdoaran o pago do canon aos hosteleiros ao non aprobar os contratos. O Bloque reiterou que considera “indecente” destinar “cartos públicos para seis negocios”. “Dicir que as terrazas do Campo crean emprego vendo os datos de desemprego de agosto é vivir noutro planeta”, asegurou Del Río, para o que “o motor económico de Betanzos é o Casco Histórico”.

Secadeiro e Pasatempo, preocupación polo patrimonio ou intereses ocultos?

A declaración como BIC do Pasatempo e a catalogación do secadeiro do lúpulo centraron outra das mocións do PP, que pretendía reprobar ao alcalde por facer o contrario do que o PSOE aproba nos plenos. O popular Pablo Tomé acusou ao PSOE de anunciar en prensa que o Pasatempo se protexería co Plan Xeral e non cunha declaración monumental e de impulsar de oficio o expediente para declarar a ruína e permitir o derrubo do secadeiro do lúpulo. “Pode incurrirse en responsabilidades no secadeiro xa que hai un negocio debaixo?”, preguntou.

CxB advertiu que o secadeiro é un perigo na zona polo seu “moi deficiente” estado de conservación. Con todo, Pedro Gómez asegurou que non aprecia “intención de non cumprir” co acordo de protexer o Pasatempo. “Todos os acordos plenarios son para cumprir” indicou aludindo á cantidade de mocións sobre o colexio que ten aprobado o pleno.

Os nacionalistas sorprendéronse de que “de todos os acordos que o alcalde incumpre chama a atención que o PP reclame estes dous do Pasatempo e o secadeiro”, poñendo como exemplo de incumprimentos a conciliación das traballadoras municipais entre outros. “O PP está empeñado en crear unha demanda social onde non a hai”, asegurou o BNG. “Falen claro sobre o que defenden realmente con esta moción”, espoleou Del Río aos populares, “as loitas entre PSOE e PP sobre temas que non preocupan á xente teñen que responder a algo, falen ás claras PSOE e PP e digan que intereses defenden uns e outros”. “Non teñen en cambio  tanta preocupación en que non caian a cachos as casas no Casco Histórico” ironizou “están usando o patrimonio como excusa para outras cousas”.

Antonio Vázquez defendeu que o estado ruinoso do secadeiro é un perigo para os veciños da zona

Antonio Vázquez defendeu que o estado ruinoso do secadeiro é un perigo para os veciños da zona

Os socialistas aseguraron que varias denuncias veciñais por desprendemento de cascotes obrigaron a abrir o expediente que rematou coa declaración de ruina do secadeiro. Vázquez Lorenzo criticou que o PP cambiase os columpios do Pasatempo de sitio e esixa explicacións pola retirada dunha tarima e acusou aos populares de non investir nada en catro anos para conservar a parte histórica do recinto. Sobre o secadeiro, acusou aos conservadores de non facer nada desde o goberno a pesar de varias denuncias dos edificios colindantes por desprendemento de elementos de fachada e cuberta. Insistiu no estado ruinoso do edificio contrastado polos técnicos municipais e que o pertinente é declaralo como ruina, o que non supón “ningunha recalificación dos terreos, que só se pode facer modificando o planeamento”. “O edificio non ten ningún valor arquitectónico” asegurou o concelleiro de urbanismo.

Faraldo defendeu que as terrazas do Campo crean emprego en Betanzos

Faraldo defendeu que as terrazas do Campo crean emprego en Betanzos

Faraldo, na quenda de réplica, reprochou que o PSOE se comprometera a entregar ao pleno uns informes sobre o valor do edificio do secadeiro que nunca se presentaron e que en cambio impulsaron a declaración de ruína. Asegurou que están preocupados diante da posibilidade de que o Concello teña que indemnizar ao negocio ubicado no baixo do secadeiro e insistiu en que é o único interese do PP. Asegurou que o mesmo interese fixo ao PP no pasado pleitear contra o Concello para evitar as indemnizacións que finalmente o Concello tivo que asumir por case tres millóns. “Esqueceuse vostede da Casa Pita nesa relación de pleitos” ironizou o voceiro do BNG na réplica “aí saíron vostedes escaldados, pero confírmanos que vostedes nesto, como daquela, están defendendo outros intereses”. Faraldo asegurou que “volven os tempos dos Lagares” e Gómez Patiño recordoulle que “os gobernos Lagares remataron nesta cidade porque CxB elixiuna alcaldesa e non cambiou moito a cousa”.

O alcalde pechou o debate ameazando ao PP con tapar as súas mentiras no tema do Pasatempo na comisión de seguemento do Plan Xeral e con documentos sobre a mesa. “O perigo salta de maneira notable nun edificio desa magnitude” indicou sobre o secadeiro para asegurar que “calquera informe dun técnico ía rematar neso”. Acusou aos populares de estragar un plan xeral listo para aprobar no que “non se acordaron de protexer o secadeiro”.

As facturas sen fondos, outra vez no ollo do furacán

Diego Fernández non convenceu a PP e BNG sobre a forma de contratar do goberno local

Diego Fernández non convenceu a PP e BNG sobre a forma de contratar do goberno local

Os reparos da intervención centraron outro dos puntos do debate. Os populares amosáronse sorprendidos pola cantidade de facturas ás que os técnicos da área económica do Concello poñen reparos a pagar. O edil de economía, o socialista Diego Fernández, explicou que respondían a diversos gastos normais, como os pinchos para unha asociación, o patrocinio do Concello aos actos da Semana Santa no convento das Agustinas Recoletas ou pagos de productividades a empregados municipais. CxB e BNG advertiron que entre esas facturas con pegas está o pago do globo “sen factura” que “hai que facer conforme á lei”.

Del Río é o voceiro do BNG

Del Río é o voceiro do BNG

Pedro Gómez insistiu na necesidade de conter o gasto municipal e que se informe debidamente ao pleno destes gastos. Advertiu ao PP de que “se coñece algún proceso ilegal ten a obriga de levalo á fiscalía”. Para os nacionalistas “o PP critica o que antes facía e o PSOE fai o que antes criticaba”. Segundo Del Río, débese a que ambos comparten formas e fondo, acusando a PP e PSOE de facer “circo” cruzando acusacións.  Advertiu que a orixe de todo o problema é “o clientelismo político” de PP e PSOE pretendendo “comprar vontades e votos” contratando “de forma irregular para ter achegados aos que queren”.

Faraldo insistiu en que o PSOE mandou os contratos do goberno do PP e foi imputada porque o PSOE “quería facer dano”. “O PP fixo un bo alumno co alcalde” ironizou o BNG, que insistiu en que “o problema son as irregularidades duns e outros por facer clientelismo, que pagan os veciños”. CxB insistiu ao PP en que “se teñen noticia de algo ilegal deben denuncialo, CxB se tivese constancia seguro que o faría”.

O alcalde pechou o debate asegurando que os contratos para a xardinería foron publicitados na prensa a pesar de que a lei non o esixe e asegurou que todas as súas contratas cumpren coa legalidade. “Apoiamos o acordo porque non temos nada que ocultar” asegurara antes o concelleiro de economía.