Facenda pon en evidencia que o gasto social non é a prioridade do goberno local

María Barral e Diego Fernández, concelleiro de Facenda, nun desfile

O goberno local reitera, cada certo tempo, que o gasto social é a súa prioridade. O soniquete resoa cada vez que o executivo socialista presenta un orzamento (o último, en 2017) ou a liquidación e conta anual, como aconteceu hai unhas semanas. E mesmo cando lanza algunha convocatoria de bolsas escolares.

Porén, o Ministerio de Facenda, nas súas estatísticas anuais, bota por terra tal afirmación. Os datos que Facenda baralla para elaborar estas cifras son, precisamente, a información que renden as Corporacións locais ao goberno español sobre gasto público e outras variables, unha obriga imposta na lexislación que o goberno de Mariano Rajoy aceptou, imposta pola Troika durante a etapa máis dura da crise.

O departamento que dirixe a ministra Montero, socialista, sucesora do ministro Montoro, conservador, di que en 2018 o gasto social comeu en Betanzos só o 14,78% do seu orzamento. Que de cen euros, menos de 15 foron gastados en políticas sociais, fronte aos 49,46 euros que, de cada 100, se destinaron aos salarios dos integrantes do goberno local e persoal ao servizo da Administración municipal.

Segundo o Ministerio de Facenda, o goberno Barral dedicou en 2018 38,05 euros de cada 100 a gasto corrente- os pagos de subministros como telefonía, luz ou material de oficina, pero tamén combustibles ou servizos externalizados á empresa privada- mentres que de inversión quedou nuns raquíticos 9,20 euros de cada cen recadados.

As cifras foron feitas públicas polo Ministerio de Facenda no seu web, dentro da información relativa ao gasto e recadación das entidades locais ao abeiro da súa obriga de remisión de información.