Evidencian que os verquidos ao Mendo van alén da rede de pluviais

Imaxe dun verquido no Carregal. Fotografía remitida polo BNG

Tras a denuncia, por parte dos pescadores do Mandeo, do enésimo verquido ao río Mendo no entorno do Carregal, tanto nas redes sociais como nas rúas o debate sobre o estado dos ríos betanceiros recrudeceu.

Mentres o executivo local aseguraba que o verquido, fedorento segundo a denuncia, proviña da rede de pluviais, os comentarios nas redes sociais poñían en evidencia a afirmación do goberno socialista. Chamando a atención sobre a cantidade de canalizacións que verquen ao río, advertindo da cor branca do fluído que expelen e mesmo do cheiro.

Da ponte vella das Cascas á Ponte do Carregal supera a media docena o número de tuberías que dan ao Mendo. Que dan auga mesmo cando non chove, e non só procedente de manantiais subterráneos como di o goberno local e a concesionaria do servizo a xulgar pola cor da auga, o estado da beira do río no entorno máis inmediato e as numerosas denuncias veciñais.

Verquido ao Mendo denunciado polos pescadores. Foto: facebook Pescadores do Mandeo

Así as cousas, mesmo unha persoa denunciaba nas redes sociais que o seu can collera unha infección no oído interno a consecuencia das bacterias fecais da auga do Mendo. E é que no entorno da ponte de madeira do Areal adoitan verse mascotas bañándose. Segundo un veterinario local, cinco casos leva atendidos no último mes, como comenta para La Opinión. E porque a zona non se estila como zona de baño para humanos, como acontece, por exemplo, coa ponte de madeira do Xuncaliño.

A ese mesmo xornal, o goberno que preside María Barral volvía asegurarlle en reacción á nova que as tubarías que dan ao Mendo son todas de augas pluviais. Especulan que a doenza das mascotas poida ser debida ou a un verquido privado ou a un sentinazo de xurro augas arriba de Betanzos, episodio que tamén se deu no pasado. Versión que, en todo caso, deixa sen aclarar por que brota auga branca das tuberías que van dar ao Mendo.

Un rosario de verquidos que non remata

Foto enviada polo BNG do verquido denunciado

O da pasada semana non é, nin de lonxe, o primeiro episodio de verquidos ao Mendo. Mesmo a exigua hemeroteca de Xornal de Betanzos ten abondosas referencias a este tipo de episodios en apenas dez anos de existencia. Un episodio que se daba en 2016 e que recalaba no pleno da man do BNG, como volveu en 2017.

Xa en 2014 os nacionalistas denunciaban outro verquido nas Cascas, que non sería clausurado ata 2017 pola concesionaria do saneamento. En novembro dese ano era outro verquido “dun fluído branco” na ponte das Cascas o que saltaba á palestra.

Esta situación de perdas da rede municipal de saneamento deparou videos coma o que o BNG colgou para denunciar a ausencia de medidas para corrixilo, e sobre todo, roces con Augas. En 2013 clausuraban un verquido ao Mendo desde a rede municipal e arremetía contra o goberno local polo estado dos sumidoiros. Son só pequenas pinceladas que evidencian un problema estrutural co estado do saneamento que vai moito máis aló do que recoñece o executivo socialista.