Este venres 10 de maio, “Pelos na lingua” de Talía Teatro en función para escolares

A Aula de Cultura do Edificio Arquivo desde o seu escenario

“Pelos na lingua”, unha das representacións teatrais máis coñecidas de Talía Teatro, chega este venres 10 de maio á Aula Municipal de Cultura nunha función para máis de douscentos alumnos e alumnas de secundaria do IES Francisco Aguiar, o IES As Mariñas e o CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”.

A proposta encádrase dentro do programa das Letras Galegas do Concello de Betanzos e pretende achegarlle aos máis novos e novas este espectáculo en clave de comedia no que a través de diversas situación cotiás convida a unha fonda reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega. Esta representación teatral forma parte do Programa Lingua a Escena da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Esta comedia dalgún xeito podería considerarse a segunda parte de “Bicos con lingua”, mais non se trata dunha segunda parte como unha continuación da liña argumental, senón que se está a traballar o mesmo tema coa mesma estrutura, aínda que desta vez tratando de darlle un enfoque distinto.

“Pelos na lingua” vai destinado a todo o mundo, independentemente da súa posición con respecto á lingua: aos galegofalantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o falan porque non o saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non, aos que pensan que o galego debería ser a lingua universal, aos que pensan que debería ser o inglés a lingua universal, aos que cren que a maioría dos galegos falan castelán, aos que cren que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, a mestres, a alumnos, a actores, a actrices, a carpinteiros, a carpinteiras, a todos e a todas. Ao mundo enteiro, independentemente da súa lingua.