Está é a programación de actividades culturais de Betanzos para este verán!

Un intre dun concerto da OSG. Foto de ARUME para o Concello

O Concello presentou a programación de actividades de carácter cultural que organizará desde esta próximo fin de semana ata finais de agosto. Trátase de eventos, con capacidade limitada, organizados “para dinamizar a actividade cultural e ofrecer alternativas de lecer organizadas respectando ao máximo as normativas de seguridade pola Covid-19”. Baixo este prisma, a área de Cultura organiza unha serie de actividades vinculadas ao mundo cultural, de distintos estilos desde música, ata teatro ou cinema.

A programación ía comezar a pasado fin de semana, co BetanJazz, que foi suspendido e que emitirá “en liña” a través das redes sociais do Concello nos próximos días. De feito, a maior parte da programación será emitida en directo tamén por redes sociais co fin de achegar estas actividades a todos os betanceiros e betanceiras.

Todos os eventos realizaranse ao aire libre, dispondo de cadeiras separadas para manter a distancia social. A ocupación será por orde de chegada e a apertura da zona, media hora antes do inicio da actuación.

O primeiro deles será o venres día 24 ás 21:30 h, na praza da Constitución para celebrar o XXIV Festival de Folclore do Día de Galicia. Será por conta do grupo Untia, da Escola Municipal de Folclore, que ofrecerá un repertorio de música das Mariñas no que haberá historias de Betanzos, Sada, Bergondo, Oleiros ou Cambre.

O seguinte evento será o programa “Vai de Rúa”, que este ano cumpre o seu quinto aniversario. O festival de artes escénicas na rúa terá este ano unha edición especial pola Covid, pero manterá o mesmo espírito co que se iniciou hai cinco anos, é dicir, levar as artes escénicas polos recunchos da cidade. Comezará o día 30 ao sete da tarde con “A Liliceta”, un espectáculo de pasarrúas musical que percorrerá varias zonas da cidade. Haberá outros tres eventos o venres 31 na Alameda,  ás 13:00 h, con César Fritiría; as 19:00 h con Jano Costa  e ás 21:00 h con Antón Coucheiro. Algo que volverá repetirse o sábado día 1 ás 13:00 h con Capitán Garfo; ás 19.00 h con “Pajarito”; ás 21:00 h coa Compañía Entremáns e as 21.15 coa actuación do Mago Martín Camiña.

O mes de agosto será especial xa que non haberá festas mais si unha serie de eventos que, nalgúns casos, coincidirán cos días nos que habitualmente durante as festas si había concertos ou orquestras. A programación sucederase desde o día 5 coa proxección na praza da Constitución da película “Campeones” a partir das 22:00 h, e continuará cun concerto de gospel, o día 7 ás 21:30 h na mesma praza por conta de Happy Gospel.

O martes 11, tamén ás 21:30 h terá lugar o concerto do grupo Vatapá, na praza da Constitución.

Outra das citas previstas e con máis tradición en Betanzos será o concerto “Cidade de Betanzos”, o día 13 de agosto ás 21:30 h. É un concerto especial para os betanceiros e betanceiras que tradicionalmente se realizaba nunha das igrexas do centro histórico coa Banda Municipal, a Coral Polifónica e a agrupación de pulso e púa Carlos Seijo. A Covid fai inviable que o tres formacións poidan participar polo que o concerto deste ano será diferente.

Primeiro, polo lugar escollido, que será  o Auditorio do Pasatempo e polos participantes, que serán  a Banda Municipal de Música de Betanzos acompañada por cantantes como Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Miguel Ladrón de Guevara.

O resto de programación incluirá un espectáculo musical infantil e familiar coa Banda do Verán o 20 de xoves ás 21:30 h na praza da Constitución; o día 22 co grupo Amizades na praza García Irmáns, desde as 22:30 h. Será o único concerto que se celebre este verán na praza e terá tamén capacidade limitada.

O programa concluirá o día 28 ás 21:30 h na praza da Constitución con Havana Soul e o 29  á mesma hora e mesmo lugar con Odaiko Percusión.