Escolares reproban a política do PSOE no Casco Histórico e exixen a súa peonalización

Na praza de Fernán Pérez de Andrade o PSOE propón recuperar o estacionamento dentro do seu plan de “parking express”

Betanzos celebrou onte un pleno infantil na Aula de Cultura do Edificio Arquivo. Os escolares de primaria do municipio demandaron ao goberno local un cambio radical nas súas decisións sobre o tránsito no Casco Histórico.

O alumnado do CEIP Vales Villamarín e do CPR Nosa Señora do Carme- Atocha demandaron dar prioridade aos peóns na zona monumental, priorizar o espazo colectivo e limitar o tránsito rodado, relegando os usos privados das rúas sobre o público. “Esta iniciativa ten como obxectivo volver a poboar o noso centro histórico, devolvendo as rúas e as prazas aos nenos e devolverlle a cidade a xente”, asegurou a voceira dos escolares do municipio, Lucía Ferreño Rodríguez.

Nenos e nenas demandaron, ante a alcaldesa, poder “saír sos da casa, como facían os nosos pais e avós, queremos percorrer as rúas. Cremos que hai que renegociar a relación de poder entre as persoas e o coche, porque xa é hora de rematar coa primacía deste. Non queremos vivir permanentemente parapetados nas nosas casas e en lugares seguros, fuxindo do perigo da cidade”.

A moción dos escolares foi aprobada por unanimidade, diante da alcaldesa e do edil de cultura, reprobando canto o partido no goberno ven facendo coa mobilidade na zona monumental desde que recuperou o bastón de mando en 2011. Exixiron “liberar” a cidade da presenza abusiva de coches mentres a rexedora do PSOE aplaudía e afirmaba ir cumprir co demandado polos escolares.

O goberno do PSOE pretende convertir este estacionamento irregular en algo autorizado

Os concelleiros por un día pisaron o acelerador, para unha vez que son escoitados, e exixiron estreitar carrís de circulación, ampliar beirarrúas e reducir velocidades a 30 km/h. Os escolares tamén demandaron aparcamento rotatorio no centro “descartando o sistema de ORA pola súa máis que probada ineficacia”.