Envorca na AP9 e obriga a circular polo arcén

A peaxe da AP-9 en Macenda, en Piadela

O tránsito na AP9 tivo que ser desviado o pasado sábado a primeira hora da tarde a causa dun accidente. Un vehículo acabou envorcando tras un aparatoso accidente no quilómetro 17 da vía, en Piadela.

O propio vehículo emitiu aviso automático á central de emerxencias, que desprazou ata o lugar a Urxencias Sanitarias, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Betanzos e Policía Local. Foron moitos condutores os que alertaron tamén ao 112 advertindo que, pola traza que presentaba o coche coas rodas cara arriba, podería haber persoas feridas no interior do automóbil.

A pesar do espectacular do accidente, o condutor e único ocupante do BMW sinistrado non necesitou ser trasladado ao hospital, segundo informou Protección Civil, e foi atendido no mesmo punto do sinistro polo persoal do 061.

Debido ao aparatoso do accidente, a Garda Civil tivo que derivar o tránsito pola beiravía da autoestrada no que durou o dispositivo de asistencia e a retirada do vehículo.