Empeora a situación da covid-19 nos centros de ensino da comarca, con 8 casos nos centros betanceiros

Os cambios máis relevantes da situación epidemiolóxica da comarca desta volta non están apenas no mapa de cores da Xunta. Con Betanzos, Abegondo, Bergondo e Sada en amarelo e Pontedeume en vermello novamente (datos actualizados a 16 de novembro ás 18 h), co resto dos municipios en verde, as novidades están nos centros de ensino da comarca. E ofrecen un incremento de casos que non pode ser tranquilizador.

Cos datos do 17 de novembro facilitados pola Consellería de Educación, agora mesmo hai, na escola infantil municipal de Bergondo, 2 positivos por covid-19 que obrigaron a pechar dúas aulas. Dous positivos no CPI Cruz do Sar bergondés, 4 o Castro Baxoi miñense, 1 cada un dos CEIP sadenses e 3 o IES Díaz Pardo da “perla das Mariñas”.
En Betanzos, o CEIP Vales Villamarín rexistra 4 positivos confirmados, 1 Atocha, 2 o IES As Mariñas e 1 o IES Francisco Aguiar.

Hai que recordar que en función da poboación, e para evitar cifras esaxeradamente altas de incidencia no caso de brotes en concellos pequenos, tense en conta, para os municipios menores de 50 000 habitantes, os seguintes criterios: cor verde para menos de 7 casos novos á semana; amarelo para entre 7 e 13 casos novos á semana; laranxa para entre 14 e 20 casos novos á semana; e vermello para máis de 20 casos novos á semana.