Edís do PSOE sorprendidos este sábado de viños, saltándose as normas do confinamento

O edil Andrés Pandelo servindo os viños e Hermida, de vermello, o pasado sábado. Captura de video.

En grupo, sen distancia de seguridade e sen máscara. Un grupo de cinco persoas cando menos, entre as que se identifican claramente os edís socialistas Andrés Teijo Hermida e Andrés Pandelo Torres comparten un tinto. Foi grabado o pasado sábado, e desde entón ten cruzado as redes sociais a través de facebook, twitter, whatsapp e email.

Nas imaxes, Pandelo sae dun local- no entorno da estación Betanzos-Cidade, cedido ao motoclube local e por este á agrupación de Protección Civil segundo asegura agora o goberno local- provisto dunha bandexa con varias copas de viño, que reparte entre os asistentes á xuntanza. Dous deles, aos que non se lles ve a cara, ataviados con roupa da agrupación de Protección Civil. Os outros, o edil Andrés Teijo Hermida e outra persoa vestida en chándal. Sen gardar as distancias mínimas e sen equipos de protección. Tomando un viño, non desenvolvendo tarefas esenciais. Departindo en corro. Incumprindo, en definitiva, con todas as normas que o goberno español ten dictado como prevención de contaxios e que Protección Civil prega cada día, ás oito do serán, á veciñanza que cumpra.

En declaracións ao xornal La Voz de Galicia Hermida acusou ao PP de estar detrás da grabación e ameazou con denunciar ao responsabñe da grabación. Asegura que coordina el o traballo de Protección Cibvil- responsabilidade doutro edil socialista con dedicación exclusiva ás tarefas de goberno, Diego Fernández, segundo a web municipal- e limita o acontecido a que foi dez minutos” por aí e tomou “un vaso”. O edil retou ao PP a presentar unha denuncia se considera que por tomar un vaso de viño en grupo, sen gardar a distancia social de 2 metros e incumprindo as normas do estado de alarma ten cometido algunha irregularidade.

Hermida: “he venido para quedarme”. Goberno local: as imaxes son “a todas luces inapropiadas”

Tratando de poñer un cortalumes, desde o goberno local, outro voceiro sen identificar asegurou ao mesmo diario que as imaxes son “a todas luces inapropiadas” e piden que non se xulgue por elas o traballo de Protección Civil. Porén, Hermida abundou na polémica cunha extensa publicación no seu perfil na rede social facebook, onde aparece adubiado coa imaxe da campaña institucional do goberno español “este virus lo paramos todos”. “He venido para quedarme” advirte o edil en alusión ao seu posto no consistorio como conclusión rotunda a un extenso escrito no que asegura que pasaba por alí de paso que facía deporte, pola sede de campaña de Protección Civil, e querían convidalo a cear pero el só accedeu a tomar o viño famoso, di.

Hermida asegura que ao cuestionar que el, outro edil socialista e varias persoas máis estean tomando un viño incumprindo as normas do estado de alarma e á vista da veciñanza supón “que también se critica el trabajo diario que hemos realizado en conjunto”. Nese escrito agora acusa directamente a unha veciña do barrio e exedil do PP como responsable da grabación.

“No me arrepiento de nada” asegura. “Esta situación me molesta, pero que no me impacta. Y es por ello, que para aquellos y aquellas que piden mi cabeza señalarles que no se preocupen, que seguiré trabajando como lo hago todos los días, y sobretodo con corazón. Pese a quien le pese, yo he venido para quedarme” conclúe, obviando a reprobación que, ao que se ve, outra parte do goberno local realiza da súa conducta incumprindo claramente as normas do estado de alarma.