Ecoloxistas, gaiteiros e corais zarpan cara Os Caneiros

A Asociación de Gaiteiros de Galicia e a Asociación para a Defensa da Ría de Betanzos O Xanocas organizan unha xira fluvial Aos caneiros para o domingo 19 de xullo. A celebración, que contará coa actuación de varios grupos a partir das 14.00 horas no campo da festa, reunirá decenas de persoas dispostas a deixarse levar pola maxia da romaxe, do Mandeo, da natureza… e abrir a tempada de xiras, cuxos cúlmenes se prevén para os días 18 e 25 de agosto, dentro do programa de festexos patronais na honra de San Roque neste 2009.

Ademais dos Gaiteiros de Galicia e O Xanocas, tamén a Coral Polifónica de Betanzos ultima os preparativos para a súa romaxe anual, prevista para o 2 de agosto. Os asistentes contarán a bordo coa música de Maribel. Os interesados en acompañar á Coral Polifónica este día deberán retirar as súas entradas no local social da entidade, na rúa dos Anxos, os días 20 e 21 de xullo (luns e martes) de 19.00 a 20.30 horas. O prezo das tarxetas de asistencia é de 20 euros para os socios protectores da coral ou os que dispoñan do dereito de socio, e de 30 para os non socios.

Ademais das singladuras destas entidades, son moitos os betanceiros que na fin de semana surcan o Mandeo acompañados das súas familias ou pandillas para desfrutar da tarde no entorno privilexiado do río. A pesar desto aínda non foron retirados os troncos que o temporal botou ó río no pasado inverno. Estas árbores, dependendo de como se atope a marea, chegan a obstaculizar e comprometer a navegación polo Mandeo. Por este motivo o BNG presentou recentemente unha iniciativa no Pleno que aínda está pendente de cumprirse.