Doce imaxes para resumir o 2020 (e non, non son todas do coronavirus)

Nunca, desde hai moitas décadas, foi tan ansiado un cambio de ano. Nunca, en moitos lustros, se pensou con tantas ganas aquilo de “San Silvestre, meigas fóra!”. Nunhas horas diremos adeus definitivamente ao 2020, 366 días que quedaron para sempre marcados pola pandemia da covid-19 desatada a finais do pasado inverno. Un ano marcado por un confinamento profiláctico, por aterradoras imaxes e cifras de enfermos e defuntos, tamén na nosa cidade e a súa comarca. Un ano de palabras novas, de novos costumes. Mais un ano no que pasaron máis cousas, aínda que moitas mediatizadas por esta pandemia da que aínda anceiamos saír. Recollimos estas doce imaxes para condensar un ano que dificilmente esqueceremos, pero de seguro que houbo máis.

O ano que non houbo moitas cousas

2020 déixanos a todos un rachón no corazón, como este no corazón de papel de hai dous anos.

Empezouse suspendendo a Semana Santa, contando con que o confinamento de marzo sería para unhas cantas semanas. E o certo é que 2020 foi finalmente o ano sen. Sen Semana Santa, sen Semana do Cine, sen Semana do Pincho, sen Feira Franca Medieval, sen festas patronais, sen globo por primeira vez desde 1970 como che contamos, sen Caneiros, sen festas patronais nas deceas de parroquias de toda esta comarca. Sen feiras, sen mercados durante moito tempo, sen emprego para moitos, sen familiares para demasiados. A lista abafa, máis aínda que a máscara de uso obrigado e a distancia que priva de aloumiños.

O churrasco de Pandelo, Hermida e Protección Civil en pleno estado de alarma

O edil Andrés Pandelo servindo os viños e Hermida, de vermello. Captura de video.

No medio daquela anguria colectiva do confinamento, dous edís do PSOE, Andrés Hermida e Andrés Pandelo, saltaron por riba de toda prohibición para tomarse uns viños nunha churrascada con membros de Protección Civil. Malia a indignación desatada, que chegou a medios de tirada estatal, Hermida aferrouse ao cargo e negouse en redondo a dimitir. “He venido para quedarme, le pese a quien le pese” declarou. Pandelo asubiou e mirou para outro lado e meses despois, un tanto cinicamente, cuestionaba nunha entrevista no mensual de ACEBE a criminalización da mocidade na desescalada. Non constou expediente para outros implicados no caso, coma o capataz do extinto GRUMIR que se vía canda eles nas imaxes.

O PP exixiu a destitución de ambos e Barral optou pola xogada da avestruz- agochar a cabeza e deixar correr– mentres quedaba en evidencia que non tiña poder real dentro do seu goberno para forzar a dimisión de Hermida. A Gonzalo Caballero retirar a Hermida da candidatura non lle serviu para evitar que o Bloque lle dera o sorpasso, tamén en Betanzos.

A nova, a pesar das descualificacións que chegaron a verter simpatizantes do PSOE contra este medio e contra outros veciños que pedían a dimisión dos edís pola súa falta de exemplaridade, foi a segunda noticia máis vista do ano polos nosos lectores a pesar de que o “linchamento” suposto do edil “non interesa”.

Leo Nucci pon o ramo ao 800 aniversario e retírase desde San Francisco

Parece que foi hai un milleiro de anos, pero foi neste 2020 que se apaga. O barítono Leo Nucci escollía a oxival de San Francisco para despedirse dos escenarios no estado español e poñía o ramo tamén ao programa oficial do 800 aniversario do traslado desde Tiobre. Unhas festas que dispararon o gasto do Concello pero que, xa cho contamos, non lograron os obxectivos que previamente se lles marcara.

O barítono repetiu o escenario da súa primeira actuación na cidade e pechou simbolicamente as celebracións no mesmo lugar onde, xusto un ano antes, o abrira Carlos Núñez. Daquela non había limitacións de aforo aínda que ambas citas foran con previa inscrición e sorteo pola alta expectativa xerada.

O Pasatempo á fin é Ben de Interese Cultural

A valla que advirte dunhas inexistentes actuacións de mantemento no Pasatempo. BNG.

Tras a tentativa frustrada de 1983, e logo de ter que propoñelo unha asociación privada pola indolencia durante décadas do executivo socialista, a Xunta acababa por publicar a declaración do Pasatempo como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de xardín histórico o XX. O BIC, como algúns advertían, non supuxo ningunha mellora para un parque que leva confinado dous longos anos, tras varios desprendementos parciais e sen puntos de sutura nunhas feridas cun alcance incerto.

A Xunta continúa sen dispoñer fondos para a rehabilitación do parque, o que motivou emendas un ano máis aos orzamentos galegos. As contas do Estado non contemplan tampouco o investimento que a alcaldesa anunciara en setembro, mentres Deputación e Concello asinaron á fin o convenio para a rehabilitación, que comezará polo maltreito estanque do Retiro.

Parque do “Pasamento” nomeouno o conselleiro de cultura no Parlamento no debate dunha iniciativa do BNG. Os lapsus linguae, xa se sabe…

A cara caída das Catro Estacións

Foto do BNG

O ano non se librou dun clásico que se ven repetindo desde hai tres puntualmente, por desgraza. O desprendemento deste ano no Pasatempo foi na Fonte das Catro Estacións. Segundo o goberno local por un acto vandálico, que estaría atallado en días. MEses van e segue a fonte collida con bridas.

De remate, estes días a polémica rodeou novamente a fonte logo de que o goberno local, supostamente atendendo ao pedimento dun clube deportivo local, construíse unha estrutura de formigón para unha proba de atletismo a carón mesmo da fonte, na zona de máxima protección patrimonial.

Moitos creron que fora unha inocentada, pola data.

Outro clásico: a caída de casas no Casco Histórico

Secuencia repetida ano tras ano: caída de casa no Casco Histórico, anuncio do goberno local sobre a inminente contratación do Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico (PEPOCH). Este ano, en dúas ocasións, unha prometida a escolares. E co adubo dunha nota de prensa na que se asegura ter aberto medio cento de ordes de execución para atallar a ruína. De materializarse todas as anunciadas nos últimos anos, non habería unha soa ruína no corazón monumental de Betanzos. Fagan a conta.

Un derrubamento dunha vivenda no Casco Histórico.

Caeron casas na Ponte Vella, un anaco do vello Hotel Comercio, buque insignia do modernismo na rúa Nova, cachos das casas que a Xunta comprou e non amaña… Por caer, ata empezaron a desprenderse cascotes dos edificios da zona nova neste ano que remata mentres se botaba abaixo unha vivenda de tipoloxía labrega tradicional na avenida de Castela.

No entanto. o goberno local decidía diferir cara outros todas as responsabilidades na recuperación da zona monumental: que se pedir á Xunta que se fixera coa titularidade e amaño da Casa Gótica a saudar como un logro as primeiras casas amañadas polo IGVS logo de ¡once anos! téndoas a caer. Sete casas entre un parque construído de 1100 vivendas que suma a área de rehabilitación do Casco Histórico. Fagan a porcentaxe, fagan!

Tres mulleres lideran a Corporación

Desde xullo tres mulleres lideran os tres grupos da Corporación Municipal, algo inédito ata a data. A María Barral, rexedora, e á voceira do PP, Cecilia Vázquez, veu sumarse Amelia Sánchez, nova líder nacionalista. Ésta veu ocupar o lugar deixado por Henrique del Río, que tras unha década á fronte do BNG abandonaba a Corporación tras manter aos nacionalistas a flote durante a época das mareas e rexistrar, nas eleccións galegas de xullo, o mellor resultado histórico para os nacionalistas en Betanzos.

Non hai ningunha foto das tres líderes da Corporación. De entre os centos de fotografías protagonizadas pola rexedora que deron conta ao longo do ano as redes sociais e o web municipal- que sostemos cos nosos impostos todos os contribuíntes- María Barral coidouse moito de non darlle cancha ás caras da oposición nos actos institucionais ou nas reportaxes gráficas dos mesmos. Nin sequera nunha data simbólica como o 25 de novembro.

Meirás é público

Ocupación simbolica de Meirás demandando a súa devolución

A loita comezara na transición e chegou a este 2020. Con base no libro publicado pola Fundación Galiza Sempre e escrito man con man por Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, a Deputación coa súa Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás e finalmente a avogacía do Estado forzaron unha demanda que acabou recoñecendo o que xa estaba documentalmente probado: venta simulada ao dictador e mantemento a conta do erario público. O pazo foi entregado ao Estado mentres os Franco seguen litigando e se abre o debate sobre a xestión e titularidade das torres que foran da Pardo Bazán.

Á victoria sumouse Feijóo, que non hai moito negábase a que Meirás pasase a mans públicas porque facerse coas torres sería un mecanismo “franquista” e agora o reclama para que a Xunta omita no relato do BIC de Meirás- contra o que tamén votara o PP- o seu espolio. Con todo, os activistas procesados pola toma simbólica das torres un día de apertura ao público, os 19 de Meirás, aínda agardan para pasar polo Supremo.

O Betanzos C.F. retorna a Preferente

Imaxe do facebook do Club Caimanes de Betanzos

O abrupto remate da tempada 2019-20 deixou algo positivo: tras anos peregrinando por rexional, o Betanzos C.F. retornaba a Preferente. Sen saír do Carregal, o Santo Domingo de baloncesto asegurábase tamén un ano máis de competición en EBA, un fito para un equipo modesto que, por forza de repetirse, ven parecendo do máis natural.

O palmarés non rematou aí, a caimán María Filgueiras proclamabase no treito final do ano campioa galega de cicloclrós, as kwon Penas e García brillaban con luz propia no europeo de Croacia, a xavelinista Ivanna Román facíase coa prata no campionato sub23 e o ría de Betanzos ía coleccionando podios por canta regata onde pasaba. Alegrías deportivas para un ano, polo xeral, complicado de máis.

Diego Fernández, concelleiro de Persoal e home forte do goberno local, e María Barral, alcaldesa

Condenas contra o Concello pola fraude en contratos temporais que se extenderon décadas

A fraude reiterada na contratación de persoal no Concello de Betanzos traduciuse este ano nun rosario de condenas cuxas consecuencias, por non variar, pagaremos toda a veciñanza. O executivo socialista contratou, durante décadas, a persoal municipal como temporal, e esa temporalidade extendeuse durante lustros contra o que a lexislación prevé. O resultado, un bo feixe de condenas declarando indefinido a todo este persoal.

O goberno Barral, porén, non incluíu a todo este persoal na última relación de postos de traballo (RPT), o documento que recolle os oficios e empregos na administración local e serve para planificar e xestionar os recursos humanos do Concello. E no medio, casualmente, en función de quen demandara, o Concello actuaba dun xeito ou doutro ante a Xustiza, no que se entendeu como unha tentativa de represión sindical contra quen denunciou todas estas irregularidades.

Vertidos ao Mandeo en Sobrado

Se o globo é o corazón de Betanzos non será esaxerado identificar o Mandeo como a súa principal arteria. Unha arteria que baixou neste 2020 cargada de lixo a causa de vertidos de lodos aos regatos que forman o Vilarcobo. Na parroquia de Grixalba do concello de Sobrado dos Monxes no Monte Redondo, camións cisterna verten a horas “prudentes” a súa carga de lodos metendo a mangueira nas toxeiras e xesteiras desde a mesma pista, denunciaba en febreiro o BNG. Un risco para a saúde da auga para consumo humano e industrial alimentario.

Non foi o único vertido que contaminou o sangue que corría polas arterias betanceiras, Mendo e Mandeo, este ano. Desde a rede municipal de saneamento ao Mendo, con actas de inspección ambiental, na zona do Pasatempo, desde José Fariña ou ao río Callou, a demanda de actuacións e as emendas a orzamentos para revertir esta situación que afecta directamente á saúde das persoas durou, con 2020, un ano máis, e seguirá, pois é unha epidemia que Concello e Xunta non semellan entender como prioridade.

A coroa no escudo no ano dos escándalos da coroa

O escudo de Betanzos no globo de 2009. Wikipedia

Plataforma veciñal en contra- online, por isto da covid-19- e posicionamento en contra do BNG a incluír, na versión oficial do escudo de Betanzos, a “coroa borbónica ao timbre”, en palabras de Alfredo Erias, autor intelectual da proposta e o informe que o pleno da Corporación debatiu. Os partidos dinásticos, PSOE e PP, apoiaron “legalizar” o escudo coa coroa que, de feito, o PSOE impuxo nos anos 80 do pasado século, de maneira irregular, ao parecer.

A decisión coincidiu no tempo coas datas nas que se comezaban a coñecer datos dos negocios irregulares do anterior monarca, pero ao goberno de María Barral deulle igual e tirou adiante. Aínda está en prazo de alegacións.

Un ano de récord para Xornal de Betanzos

Este ano que remata foi un ano de récords para Xornal de Betanzos no que a visitas se refire. No momento de pechar estas liñas sobardamos as 122.000 visitas únicas (vinte mil máis que o pasado ano) cunha media diaria que ronda os 335 lectores únicos. Cando dean as doce da noite tocará facer balanzo, mais nada disto sería posible sen os nosos colaboradores, anunciantes e lectores. O noso mellor desexo para o 2021 para toda a comunidade que conforma e dá razón de ser a Xornal de Betanzos. O vindeiro luns, como sempre, toda a información voltará ás vosas pantallas. Feliz Aninovo!