Desde hoxe poden solicitarse as axudas pola covid-19 para comercio, autónomos e pemes

Rúa Travesa

O Concello abre hoxe, día 3, o prazo para solicilitar as axudas municipais a pequenas empresas e autónomos que se viron afectados na súa actividade diaria pola Covid 19. Os solicitantes poderán presentar a documentación no Rexistro Municipal a través da sede electrónica ou por correo postal, nun impreso normalizado que estará dispoñible tamén na web municipal, ata o 3 de agosto, aínda que “conforme vaian chegando as solicitudes iranse revisando.

Non se esperará á conclusión do prazo para iniciar os trámites. Habilitarase un correo electrónico específico para atender calquera dúbida ou consulta que será axudascovidARROBAbetanzos.gal

As axudas chegarán ata os 700 euros. Delas poderán beneficiarse as persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, así como as microempresas que reúnan os seguintes requisitos:

  • Que teñan o domicilio fiscal da actividade no municipio de Betanzos e radique no mesmo o centro de traballo afectado.
  • Que a actividade que desenvolven viuse afectada polo peche de establecementos polo estado de alarma ou que a actividade desenvolvida polo autónomo sufrise unha redución da súa facturación durante o mes seguinte á declaración do estado de alarma de polo menos o 50%, en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do estado de alarma.

Concederase unha cantidade máxima de 500 € para os autónomos ou microempresas cando a actividade que desenvolvan viuse afectada polo peche de establecementos e unha de 300 € a aqueles autónomos ou microempresas que sufriron unha redución da súa facturación.

Estas cantidades 500 € e 300 € incrementaranse nun máximo de 100 € en caso de ter ata 4 traballadores (inclusive, ademais do solicitante) e nun máximo de 200€ en caso de ter ata 9 traballadores (inclusive, ademais do solicitante) a data 1 de marzo de 2020.