Denuncian un novo verquido de fecais no Mendo

Verquido ao Mendo denunciado polos pescadores. Foto: facebook Pescadores do Mandeo

Os pescadores do Mandeo denunciaron a través das redes sociais un verquido de augas fecais producido na tarde do sábado ás augas do río Mendo. Segundo o colectivo, o verquido teríase producido no Carregal, no entorno do centro comercial do Pasatempo.

Segundo denunciasn os pescadores, “o cheiro e o cor da auga non deixaban lugar a dúbida de que era unha vertedura de fecais”. A publicación incluía unha fotografía en que se apreciaba a turbidez da auga nese tramo do río, cunha cor máis escura do habitual, que se reproduce a carón destas liñas.

Non é a primeira vez que se rexistran verquidos ao río neste entorno. Nos últimos anos os nacionalistas veñen poñendo o foco nos verquidos ao río neste tramo, procedentes sempre desde a rede municipal. Todos eles contribúen a agravar a situación que atravesa a ría de Betanzos debido á contaminación de augas fecais, onde os episodios de peche de praias por este motivo se acumulan cada verán.

O goberno Barral minimiza o feito asegurando que non recibiu denuncias

O goberno local minimizou o acontecido. Desde o executivo municipal aseguraron que saía un chorro moi fino dun tubo de pluviais, pero que non recibiran ningunha denuncia a través dos teléfonos do Concello nin de emerxencias.