Denuncian que varias persoas estiveron ata 3 días sen atención do SAF no que vai de mes

O voceiro do BNG, Henrique del Río, nun acto no Cantón. Foto Arume

Continúan as irregularidades no servizo de axuda no fogar (SAF) do Concello de Betanzos. O BNG denunciou que no que vai de mes, varias persoas usuarias do servizo de axuda no fogar (SAF) estiveron até tres días sen atención. Segundo relata o voceiro nacionalista, Henrique del Río, “familiares de persoas usuarias do SAF nos teñen trasladado o seu malestar e a súa impotencia porque non perciben ningún cambio de actitude por parte da concesionaria nin do goberno local”.

Neste sentido, o edil nacionalista explica que “contáronnos que mesmo teñen que contratar servizos doutras empresas privadas para que asuman o que, en teoría, tiña que facer o servizo municipal de axuda no fogar pero que obviamente deixa sen facer”. É moi grave porque non reciben o servizo público, que ademais están pagando, e as familias que poden vense obrigadas a contratar un servizo privado para cubrilo, mentres quen non pode non recibe axuda ningunha e nin sequera unha chamada” denuncian. “A situación é dun tremendo descontrol e resulta inadmisíbel” engade Del Río.

O portavoz municipal do BNG insiste en que “convén non perder de vista que as usuarias do SAF son boa parte das persoas máis vulnerábeis da nosa veciñanza”. Recalca que o feito de que o goberno local sexa incapaz de garantir o servizo do SAF supón que “persoas dependentes que precisan axuda para facer as cousas de casa, persoas de avanzada idade que non se puideron levantar da cama varios días porque a empresa non enviou unha auxiliar ao seu domicilio, familias que contaban con que chegara unha auxiliar para facer o xantar cun maior sentado á mesa e aproveitar para baixar ao super….”

Neste sentido, as nacionalistas reproban a actitude do goberno local neste asunto, acusando ao executivo do PSOE de practicar “durante anos a unha constante fuxida cara adiante”. “No pleno de agosto a alcaldesa e responsábel de servizos sociais comprometeuse a ter un pleno extraordinario a primeira semana de setembro para licitar de urxencia un novo contrato para o SAF, van dúas semanas e a urxencia, ao parecer, non era tal”, ironiza.

“Se María Barral pretendía prorrogar o contrato coa actual empresa o mínimo é que sexa honesta coa veciñanza afectada e o diga ás claras”, censura o portavoz municipal do BNG. “Xa abonda de anuncios, compromisos e sancións que non van a ningún lado” advirte, “hai moito tempo que tiña que ter actuado neste problema que leva anos sen atallar pola falta de interese ou de iniciativa do goberno local”, conclúen.

Rescindir o contrato e xestión directaSAF

O BNG defende que o Concello rescinda o actual contrato- que aínda pode ser prorrogado dous anos. “Desta maneira, ao rescindir por incumprimento do contrato, a empresa, ademais, resultaría penalizada en novas licitacións”, explica Del Río. O pleno, que é o responsable de contratar neste caso, acordou rescindir o actual contrato, “un acordo que a alcaldesa bloquea a pesar de que segue sendo un acordo de contratación vixente”.

Posteriormente, defende que o servizo sexa prestado directamente polo Concello, como fan outros municipios. “Garantimos un servizo de calidade e un emprego digno ás auxiliares”, engade o voceiro do BNG.