Denuncian que só persoas empadroadas poderán ir na Diana Cazadora aos “Caneiros en familia”

A embarcación municipal, Diana Cazadora

Hai uns anos que o goberno local decidiu organizar unha nova xira aos Caneiros a comezos de agosto.

O cometido desta nova xira é, segundo destaca o propio goberno nos seus comunicados “inculcar os valores e tradicións características desta romaría, afastados do rumbo que tomaron as que se celebran en agosto durante as festas, especialmente, a primeira delas do día 18”. Algo que, por outra parte, infinidade de familias e grupos de amigos fan ao longo do verán.

O goberno socialista convidaba a familias e grupos de amigos a acudir á nova romaxe desde hai anos. Para iso a embarcación municipal fai as veces de autobús flotante para poder participar nesta romaría, con varias viaxes ao longo do día río arriba e río abaixo, para achegar a calquera que queira participar nesta cita. Ou case.

Hai uns días unha denuncia nas redes sociais veu botar por terra este relato idílico. “Hoy, 6 de agosto de 2019, he recibido una llamada de la oficina de turismo de Betanzos para decirme que 16 personas que nos inscribimos a los Caneiros familiares “no podemos asistir por no estar empadronados en Betanzos”. Un requisito que non figura por ningún lado nas condicións que o executivo do PSOE publicita para inscribirse na xira.

Esta persoa relata que “fuimos los primeros en inscribirnos y nos dieron nuestro judtificante de inscripción en el momento de ir a la oficina de turismo”. Asegura que por toda explicación indicáronlle que se debía a “órdenes de “arriba”. “Que de las 16 personas que nos inscribimos sólo dos pueden ir, porque son del lugar” explica.

Así que calquera persoa que nacese aquí pero que estea empadroada en calquera outro municipio por calquera circunstancia laboral ou familiar se quere participar nesta nova xira terá que buscarse outra embarcación ou subir a pé. É o que se desprende do relato desta persoa nas redes sociais e, curiosamente, confírmao o Concello desde a conta oficial de turismo na rede social do paxariño azul.

Sen cara para as “órdenes de arriba”

“Me pregunto si alguien “de arriba” puede dar la cara y una explicación, que es lo menos que nos merecemos” engade lacónica esta persoa. Xornal de Betanzos tentou poñerlle cara a esas “órdenes de arriba”, en balde.

Segundo a conta de twitter Turismo Betanzos, á que se dirixiu Xornal de Betanzos para solicitar información sobre quen dera tal instrucción, na romaxe familiar “como noutras, teñen preferencia os veciños e veciñas de Betanzos”. Unha preferencia que non figura expresamente por ningún lugar nos comunicados de prensa, folletos de actividades de verán do ano pasado nin deste nin nos  cartaces divulgativos do evento.

Explican que “non se deu de baixa a ninguén” e que “no momento de facer a preinscripción indicouse verbalmente a todos e todas que tiñan preferencia os empadroados e empadroadas”, algo no que non coincide esta información coa publicada nas redes sociais pola persoa afectada.

De onde saen os “Caneiros en familia”?

Un lanchón areeiro participando nos Caneiros

A utilidade das hemerotecas está fóra de toda dúbida e resultou imprescindible para elaborar esta reportaxe. Corría o ano 2000 e a xira do 25 remataba de forma tráxica, coa morte por afogamento de dúas persoas. A raíz de aí as propostas e o anuncio de medidas se sucederon. As autoridades anunciaban tornarse moito máis esixentes con que as embarcacións cumprisen a normativa náutica e, naquel clima, o PP mesmo reclamaba que se obrigase ás lanchas a retornar co sol aínda brilando no ceo de agosto para evitar accidentes.

As propostas eran recollidas polo goberno municipal- naquela altura, encabezado por Manuel Lagares e con maioría absoluta do PSOE- mentres os nacionalistas advertían da necesidade de adoptar medidas adicionais como retirar elementos perigosos do cauce do río. Advertían tamén de que a singularidade de moitas das embarcacións participantes na orixinal romaría faría moi difícil cumprir coa estricta normativa – vaticinio que se demostrou coa desaparición dos vehículos flotantes, avións e barcazas extravagantes construídas sobre catamaráns caseiros a base de bidóns e decorados como parrulos, autobuses e un longo etcétera.

En setembro de 2003 o PP leva o asunto a pleno propoñendo uns “Caneiros Infantiles”. É o precedente dos “Caneiros en familia” e a proposta non cae ben ao goberno do PSOE, que non a apoia. Os conservadores sostiñan que con esta proposta podería recordarse como era a xira primitivamente. “Los niños de hoy sólo tendrán en su retina la imagen de Os Caneiros al estilo de lo que se hace ahora. Lo cual sería lamentable” aseguraba María Dolores Faraldo naquela altura.

Sen embargo, non foi Faraldo cando gobernou a cidade quen puxo en marcha esta proposta do PP. Foi un estreito colaborador do mesmo Manuel Lagares que desbotara a idea, Ramón García. E tampouco exento de críticas a pesar de que a proposta si foi ben recibida polo PP. A fin de contas, e como demostra a hemeroteca, era súa.