Denuncian que Barral non actuou sobre a fábrica da luz como anunciou en abril

Imaxe do estado actual da fábrica da luz. Foto do BNG

O BNG denunciou novamente no Pleno o estado de ruína acelerada da fábrica da luz da Ponte Nova. “Xusto antes das eleccións o goberno local anunciaba a execución subsidiaria de traballos na Fábrica da Luz, para garantir a conservación do edificio” indican os nacionalistas.

Tratábase, explican, de dar cumprimento a “unha orde de execución que General de Edificios y Solares incumprira e recorrera” recordou Henrique del Río. As nacionalistas constatan que non hai ningunha actuación en marcha para salvar o inmoble.

“Observamos con preocupación como o edificio continúa degradándose sen solución a pesar das palabras da alcaldesa de que “non consentiría” o abandono e ruína da fábrica modernista” advertiu no Pleno o voceiro do BNG, Henrique del Río.

O nacionalista recordou que, ás portas da campaña electoral das municipais a candidata do PSOE e rexedora, María BArral, “anunciaba unha inminencia deses traballos que, obviamente, non foi tal”.

Neste sentido, demandou que o goberno local aclare por que motivo os traballos “urxentes” que comezarían “en breves datas” en abril segundo anunciara o goberno local non se executaron comezado xa agosto. “Que prazos e actuacións teñen previstos para evitar que desapareza” quixo saber o voceiro do BNG.

O pasado mes de abril o BNG demandaba no pleno que se iniciase “urxentemente a revisión das normas subsidiarias en vigor para eliminar calquera posibilidade de construír bloques de pisos sobre a fábrica da luz”. A iniciativa das nacionalistas chegaba logo de que Naturgy recorrese a catalogación da fábrica da luz, monumento industrial proxectado por López Cortón e González Villar entre finais do XIX e inicios do XX.

“Levamos décadas demandando a catalogación desde edificio, convencidas da súa singularidade e valor patrimonial” explica o voceiro do BNG, Henrique del Río. “No BNG estamos convencidas de que é un lugar óptimo para celebrar actividades culturais á par que se pon en valor o pasado industrial do inmóbel” abundou.

Actividades culturais e posta en valor do patrimonio industrial

O BNG defende desde hai lustros que a Fábrica da Luz pase a acoller actividades culturais á par que se pon en valor o pasado industrial do inmóbel. “Patrimonio, na súa resolución, recoñece que o edificio é singular tanto pola autoría, como polo emprazamento e por ser das primeiras fábricas de electricidade do país” relata o portavoz municipal do BNG. “Coa adquisición da Fábrica da Luz realmente estase ordenando a beira do Mendo, recuperando o patrimonio, creando equipamentos e freando a especulación dunha multinacional” abunda Del Río.

“Por este motivo vemos con preocupación como a empresa propietaria teima en buscar todas as vías para privarnos ás betanceiras deste anaco do noso patrimonio histórico e cultural”, asegurou. “Cada día que pasa sen adoptarse decisións de calado, estase permitindo que se bote un pouco abaixo o edificio” engade voceiro do BNG, que insiste en que “temos instado mesmo a adquirir a finca por calquera das modalidades previstas no ordenamento”.

“Nós temos claro que o edificio é un lugar inmellorábel para acoller actividades culturais, veciñais e poñer en valor a historia e o que supuxo a fábrica da luz para Betanzos”, engade. “E agotaremos todas as posibilidades para que o edificio pase a propiedade pública para facer isto realidade”.