Denuncian que Barral impide desde hai dous anos as revisións xinecolóxicas ás traballadoras municipais

María Barral co bastón de mando do Concello

A CIG denunciou onte por medio dun comunicado de prensa que o goberno local “leva 2 anos negándolle as revisións xineolóxicas que lles corresponden por convenio ás traballadoras do Concello”. “Desde o ano 2017, e no momento que entra en vigor o Convenio colectivo, dous anos despois da súa sinatura o Concello de Betanzos teima en aforrar os cartos das revisións xinecolóxicas que lles corresponden ás traballadoras do Concello” denuncia a Intersindical Galega.

Desdeo primeiro sindicato entre o persoal laboral recordan como “o anterior Comité de Empresa solicitoulle ao goberno municipal do PSOE que lle dese cumprimento a este acordo do Convenio colectivo e do acordo regulador, así mesmo os delegados da CIG levaran o tema á reunión do Comité de Seguridade e Saúde do 10 de decembro do ano 2018, momento no que se tomou o acordo en firme e o goberno municipal dixo de palabra que as faría nas correspondentes ao ano 2019”. Porén, relatan, “como cada ano, chegaron as revisións médicas do ano 2019 e o goberno negoulles unha vez máis ás traballadoras as revisións xinecolóxicas”.

Por este motivo, a CIG levou unha proposta ao Comité de Empresa para que este reclamase a realización das revisións médicas e “as propias delegadas da CSIF retrucaron indicando que si que se fixeran nos casos das traballadoras que as solicitaran, cando non só varias traballadoras informaran de que se negaran a llas facer na clínica, senón no propio departamento que xestiona as revisións se indicou que efectivamente este non se fixeran”.

“Consideramos un abuso que o goberno de María Barral chegue a acordos cos traballadores e na práctica se negue a executalos, por iso non só lle solicitamos ao Concello que en cumprimento destes realice as revisións pertinentes, senón que animamos ao persoal que solicite o seu dereito a realizalas” engaden desde a CIG.