Denuncian máis incidencias pola falta de persoal nos centros de saúde da comarca

Centro de saúde de Betanzos

O BNG volveu denunciar a falta de persoal para cubrir as vacacións do persoal sanitario na comarca. “Este fin de semana a pediatra que atende á veciñanza de Abegondo, Oza e Cesuras, xa que é compartida colleu vacacións e de novo o Sergas non contratou persoal para substituíla”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.

“E máis nin sequera había unha previsión por parte da dirección do Sergas de a onde se debían dirixir os pacientes que acudían a esta consulta, xa que cando chamaban a Betanzos, os profesionais do centro de saúde de Betanzos non tiñan orde de atendelos. Producíndose situacións tan surrealistas como que para asinar un certificado médico se lles dirixira a urxencias ao materno”, engadiu a nacionalista.

“Cónstanos que houbo queixas por parte das persoas usuarias por escrito, mais levamos nesta situación todo o verán, con estes problemas sobre todo con servizos como o de pediatría que xa está nunha situación precaria na nosa comarca, con pediatras compartidos entre varios concellos”, criticou López.

“Como levamos anos facendo trasladaremos esta situación ao Parlamento para reclamar do goberno da Xunta un servizo médico de calidade. Aínda a semana pasada tivemos coñecemento de que tampouco se cubriron as vacacións do servizo de pediatría en Miño e Paderne, que tamén é compartido, e que as pacientes se estaban dirixindo a Bergondo, pola situación de colapso do Centro de saúde de Betanzos. Polo que sabemos en Bergondo o servizo está tamén saturado con esperas de até unha semana para unha cita médica”, engadiu.

Recortes tamén no centro de saúde de Betanzos

“O centro de saúde de Betanzos tamén está sufrindo esta falta de persoal, sabemos que dos dous pediatras que temos un está de vacacións e tampouco se cubriu a baixa polo tanto estamos cun só pediatra cando ademais faltan en Miño ou en Abegondo”, explicou o portavoz do BNG en Betanzos, Henrique del Río.

“Tampouco se están a cubrir as baixas do persoal administrativo e con isto o que se provoca e o colapso do sistema sanitario público que o PP leva anos provocando para favorecer a sanidade privada. Temos dereito a un servizo sanitario público de calidade, xa que ademais o pagamos todas cos nosos impostos e non imos consentir que o PP o siga desmantelando”, concluíu o portavoz nacionalista.