Denuncian a construcción dunha pista de salto a carón do vaso da fonte das Catro Estacións

Unha pista de salto, un par de contenedores de transporte marítimo de mercadorías e unhas vallas cheas de pancartas e cartelaría na que, ironías do destino, lese “Betanzos brilla con luz propia”. Non será no trato ao patrimonio histórico-artístico que encerra. As redes sociais enchéronse onte de fotos dunha pista de salto de lonxitude construída a carón mesmo da fonte das Catro Estacións, un dos poucos elementos orixinais do Pasatempo que se conservan no seu emprazamento orixinal e incluído, por iso mesmo, no BIC do parque enciclopédico. A pasada semana o BNG alertara da apertura dunhas gabias a carón do vaso da fonte e pedira ao goberno local datos sobre a actuación.

Onte, os nacionalistas cuestionaron que o goberno local construíse unha pista de salto de lonxitude a carón da Fonte das Catro Estacións, dentro do ámbito de protección arqueolóxica do BIC do Pasatempo. A fonte, incluída expresamente no Ben de Interese Cultural do Pasatempo, está suxeita ás mesmas obrigas de protección de “calquera dos restos ou evidencias de estruturas e materiais orixinarios da construción do parque e que se atopen no ámbito da parcela devandita e o ámbito da zonificación arqueolóxica”, segundo establece o decreto que outorga a máxima protección patrimonial ao parque enciclopédico.

“Hai un par de semanas preguntabamos no Pleno que eran unhas zanxas que se estaban a abrir a carón do vaso da fonte das Catro Estacións e hoxe atopámonos cunha pista rematada, con alicerzado e bordos de formigón pegada a un monumento catalogado coa máxima protección patrimonial que hai no país”, explica Amelia Pérez, voceira do BNG en Betanzos.

A nacionalista lembra que o BIC supón “a máxima protección e cautela” para o patrimonio. “Porén, o goberno local promove unha intervención cuestionable desde o punto de vista de conservación do patrimonio e tamén desde o punto de vista estético”, abunda. “En lugar de dignificar o entorno da Fonte das Catro Estacións, pégalle esta construción ao vaso e amorea colectores de barco e vallas con pancartas a carón da fonte, degradando aínda máis o seu entorno e acrecentando a pésima imaxe e conservación do Pasatempo que o PSOE ven facendo desde hai décadas” lamenta. Por outro lado, a voceira nacionalista lembra que a fonte se atopa nun estado de conservación moi deficitario e mesmo hai elementos da súa estrutura suxeitos con bridas, “en lugar de centrarse na elaboración do proxecto de recuperación desta parte do BIC, constrúen unha instalación que podía localizarse en calquera outro espazo público”.

“Desde logo a preocupación polo patrimonio non está detrás deste novo atentado contra o Pasatempo por parte do goberno local do PSOE”, ironiza Amelia Sánchez. “O PSOE supeditaba promover a declaración de BIC do Pasatempo a amañar os intereses urbanísticos no Carregal e, está visto, segue poñendo por diante a súa política clientelar de facer favores ao interese xeral de conservar e poñer en valor un monumento único como o Pasatempo”, abunda.

“É curioso que cando demandabamos limpeza da parte histórica, podas coidadosas co seu arboredo ou crear unha guía con códigos QR o goberno do PSOE sempre dicía que calquera cousa que fixeramos no Pasatempo tiña que agardar a declaralo BIC e agora que ten esa protección, coas obrigas que isto leva, poñan todo isto a carón da fonte ou formigonen ás bravas o muro orixinal que queda do peche da parte baixa do parque”, engade Sánchez.

“Será por sitios para colocar unha pista de salto de lonxitude e unha caseta para almacén dun club deportivo, se detrás do muro no que o apoiou todo ten un campo de fútbol con espazo e dependencias de sobra para isto, sen ter que degradar máis a Fonte das Catro Estacións”, ironiza. “Está visto que para o goberno do PSOE o patrimonio é un problema, un impedimento, e non a locomotora que ten que tirar do progreso de Betanzos”, lamenta.

O BNG pediu os permisos de patrimonio para esta construción no pleno

“Construír unha pista de salto non é ningunha das intervencións previstas na Lei de Patrimonio para un Ben de Interese Cultural e é máis cá dubidoso que entre nalgunha das previstas tamén nas súas áreas de protección e de cautela arqueolóxica” explica Amelia Sánchez. Por este motivo, o BNG solicitou copia das autorizacións patrimoniais para levar a cabo todas as actuacións que o goberno local realizou no entorno. “Polo de agora, e como ven sendo tristemente habitual, o PSOE mantén a súa tónica de opacidade e non nos entregou esta documentación malia vencer xa os prazos que a Lei marca para isto, e por algo será que non nolos dan”, conclúe.

Amigos do Pasatempo ironiza coa “rehabilitación” e as redes vacilan con que falta a foto da alcaldesa inaugurándoa

O presidente de Amigos do Pasatempo coa alcaldesa.

Desde a súa conta oficial, a asociación de Amigos do Pasatempo ironizou sobre esta actuación. “El Ayuntamiento de Betanzos inicia la rehabilitación de la Fuente De Las Cuatro Estaciones colocando una pista de salto de longitud a su lado, ayudando a embellecer, aún más, el idílico paisaje que rodea a esta copia de la Fontaine Louvois de París”.

A entidade viuse forzada a saír ao paso desta intervención do goberno local no ámbito de protección do BIC do Pasatempo a pesar da lúa de mel que mantén co executivo local desde a remuda na súa directiva. Unha remuda que levou a ser recibidos por vez primeira polo goberno local nunha xuntanza na que acordaron inciaría “reunións periódicas bilaterais” para “participar dun modo máis activo no proceso de recuperación do parque”.

Nas redes sociais a opinión non foi tan benévola. Entre os que dubidaban que se tratase dunha inocentada producto do photoshop foron moitas as persoas que cuestionaron o emprazamento escollido e a imaxe que o conxunto de arrimos dispostos alí polo goberno de María Barral ofrece. Precisamente á rexedora foron outras pullas, ao botar en falta a súa xa habitual foto en canto fai o Concello. E visto o visto, quen a bote en falta parece que vai quedar por vela.