Denuncian a Barral ante a Inspección de Traballo por incumprir o convenio colectivo municipal

María Barral e Diego Fernández, concelleiro de Persoal, nun desfile

A CIG denunciou diante da Inspección de Traballo ao goberno municipal de Betanzos polas discriminacións no reparto de produtividade entre a totalidade do cadro de persoal municipal “con criterios obxectivos”. “Logo de máis dun ano de reclamacións e de que o propio Concello lle renovase a produtividade outorgada discrecionalmente a unha funcionaria” explica o sindicato nacionalista, chega esta medida.

“O Concello de Betanzos teima en outorgar cartos nas nóminas a dedo mentres se nega a negociar cos representantes dos traballadores, aínda que non todos os sindicatos están preocupados polo tema porque nin a CSIF nin a UGT se pronunciaron sobre este tema ata o momento e dan a calada por resposta nunha cuestión que supón unha discriminación brutal entre os traballadores e traballadoras do Concello de Betanzos e que privilexia a uns sobre outros” denuncia o primeiro sindicato entre o persoal laboral municipal.

“O goberno municipal de María Barral, ten paralizada, ademais, calquera tipo de negociación de mellora salarial, comprometida cos representantes do persoal laboral aló polo ano 2015, logo da sinatura do Convenio e cuxo espírito era que o novo Convenio colectivo fose un primeiro paso para a equiparación salarial co persoal funcionario, e que, hoxe catro anos depois, non só non seguiu adiante senón que tivo un claro retroceso na negociación da Relación de Postos de Traballo en curso” recordan.

“Veremos nos vindeiros meses se os delegados do CSIF do persoal laboral seguen defendendo a supremacía dos salarios do funcionariado, tal e como fixeron nestes últimos anos os seus colegas delegados de funcionarios, e se son quen de dar a cara polas propostas que defenden que eles mesmos deben cobrar menos que un funcionario polo mesmo traballo” advirten. Lembran que esta posición foi a que “asumiu na negociación o goberno municipal do PSOE e apoiou incansablemente o sindicato dos funcionarios”.

“Tamén poderemos ver nas negociacións se as relacións persoais fan calar as bocas ante as inxustizas, porque depende a quen se lle outorguen as produtividades non se loita contra as discriminacións, ou se realmente se defenden os intereses de todos os traballadores e traballadoras en igualdade de condicións” ironizan.