Demandan a Barral que impida que axentes armados e de servizo fagan campaña

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

A CIG denunciou que axentes da Policía Local “estando de servizo” están a realizar campaña para as eleccións sindicais no Concello de Betanzos. A Intersindical Galega demandou ao goberno local que “facilite ao resto das candidaturas que se presentan ás eleccións sindicais do persoal laboral, os mesmos medios para a campaña que lle está a facilitar ao sindicato dos funcionarios (CSIF)”.

Do mesmo xeito, demandan ao goberno Barral “que non ampare e permita que os axentes da autoridade da Policía Local realicen campaña para as eleccións sindicais estando de servizo, tal e como aconteceu estes pasados días”.

Segundo o sindicato nacionalista, varios traballadores e os propios delegados da CIG verificaron como un delegado do sindicato de funcionarios (CSIF) e do corpo da Policía Local fixo campaña “en horario de servizo e co uniforme e o coche oficial da Policía Local”.

“O Concello de Betanzos, pois, facilitou que o sindicato dos funcionarios (CSIF) faga campaña para as eleccións do persoal laboral do próximo 11 de xuño, e permite e ampara que ese persoal estando de servizo e en exercicio de axente da autoridade promova o voto para ese sindicato” denuncian.

Desde a CIG consideran “gravísimo” este comportamento, xa que “os axentes da autoridade da Policía Local en situación de servizo, co uniforme correspondente e co coche oficial da Policía Local non poden repartir publicidade de petición de voto para un determinado sindicato e o Concello debería de frear este tipo de prácticas pouco democráticas”.