De San Paio de Xenrocio ás ruínas do Convento de Donas: mil anos de historia

O convento de Donas, na Condesa. Ao fondo o bloque de pisos sobre o solar que ocupou a súa capela

Case mil anos, dúas advocacións diferentes e media ducia de nomes. De San Paio a Santa María, de Genrocio ou Xenrocio a Ianruzo, sen contar os deturpados topónimos actuais de *Xan Rozo ou *Juan Rozo. O mosteiro que no último pleno do ano a Corporación decidiu á fin rehabilitar ten moito a ver coa historia da cidade que naceu ao seu carón.

Á ruína que reciba a quen baixe pola actual AC-542 cara Betanzos a carón do Mendo débelle a cidade moitas cousas. A empezar polo seu emprazamento e manter, aínda que na parroquial de Santiago, a cabeza eclesiástica da comarca, que segue a se chamar, precisamente, Arciprestazgo de Xanrozo. Convén lembrar que arciprestes foron os situados por baixo do arcediano- xusto el por baixo do bispo- nas catedrais medievais, o que dá idea da importancia que a sé das Cascas tivo.

O mosteiro afunde as súas raíces na alta Idade Media. Segundo o cronista de Sobrado, o Padre Carbajo, é anterior ao ano 1000, máis a súa crónica non aporta datos. Non andará, con todo, errado xa que na altura de 1118 documéntase nel un abade. Tendo presente que esta dignidade só se establecía para mosteiros de doce ou máis monxes, hai que entender que a casa coñeceu un período previo ata consolidarse e merecer rango abacial,por máis que o de 1118 fose o primeiro, que tampouco está claro. Polo tanto, aínda sería anterior.

Apenas uns anos despois, en 1122, sábese que pertence o mosteiro a Vermudo Pérez de Traba, quen o inclúe na dote que lle daba a súa muller, a infanta portuguesa Urraca Henriques. Pouco despois, no 1138, Vermudo dóallo á súa filla Urraca e á comunidade de monxas que nel vivía segundo a regra de San Bieito, ligando o Mosteiro á poderosa Casa de Traba e perpetuando o nome da Condesa, que aínda hoxendía dá nome ao barrio.

A abadesa-condesa, cuxo nomeamento fixo o primeiro arcebispo de Santiago, o todopoderoso Diego Xelmírez, mudou a advocación do mosteiro. Do San Paio pasouse a Santa María das Donas, liquidando o mosteiro dúplice e establecéndoo de monxas. Estes cambios sancionounos o rei galego Afonso VII, que fora educado precisamente polo Conde de Traba.

Vermudo legará o mosteiro á condesa Urraca, que en 1145 pásallo aos frades cistercienses de Sobrado, do que pasará a ser dependente no sucesivo coma un priorato, isto é, mantendo a súa autonomía. Naquela altura, segundo Alfredo Erias, “os seus dominios ían de Bergondo ata Cis e, naturalmente, dentro deles estaba a vila de Untia, antes de que sobre ela se asentase Betanzos no 1219”. Será o neto do rei educado pola Casa de Traba, Afonso VIII (malchamado IX), quen precisamente terá que indemnizar ao Mosteiro das Donas por retirarlle parte dos seus dominios para trasladar a vila de Betanzos entre Mendo e Mandeo.

De Sobrado dependerá ata a desamortización. En febreiro de 1879 será destruída a capela do mosteiro para deixar sitio ao Camiño da Estación. Sobre os restos levantaríase un chalet indiano hoxe tamén desaparecido. Coa desaparición do templo, desapareceu o San Roque pequeno e nacerían Os Caneiros. Explica Andrés García nun traballo sobre o cenobio que “o conxunto, a esas alturas, estaba composto por un edificio principal
de planta rectangular conectado cunha pequena capela ‘descubierta en parte y arruinada’
a través dunha casa-almacén de planta baixa -expropiada e derrubada esta última para abrir
paso á nova vía”.

O Convento de Donas co aparcamento construído polo goberno local do PSOE no lateral, no corpo derruído en 1993

O mosteiro aínda había recibir máis ataques. En abril de 1993, segundo unha nota no Anuario Brigantino “os traballos realizados no entorno do medieval mosteiro de Donas das Cascas ocasionaron a destrucción dun dos dous corpos do edificio”. A publicación municipal, que evita identificar que eran eses traballos ao bordo das estradas de titularidade galega que a rodean, acompaña a nota do suceso cunha imaxe con moreas de grava e pedra ante o corpo que chegou aos nosos días e o palacete de indiano que ocupaba na altura o solar da antiga capela. O goberno local non reclamou en ningún momento a reposición do mosteiro no seu estado, a pesar de estar protexido xa naquela altura como parte do patrimonio cultural do país.

Anos despois, en outubro de 2013 o goberno local anunciaba como unha mellora na seguridade viaria nas Cascas que habilitara para o aparcamento os restos da ala demolida en 1993. Realmente xa se viñan utilizando como estacionamento, mais na altura o executivo socialista botou entullo e xabre na zona para poñer a nivel o terreo eliminando pozas, abolardou o recinto e dispuxo unha perigosa incorporación cara a estrada, que aínda hoxe perdura. A rodaxe e as colisións de vehículos contra a parede e o arco de medio punto que quedan do vello corpo profundizaron aínda nas feridas do cenobio.

O Tumbo das Cascas

A Real Academia Galega conserva o libro tumbo do Mosteiro das Donas. É un libro en pastas de madeira e latón ríxido que salvou da ruína definitiva Vaamonde Lores. Recolle máis de 400 escrituras de todo tipo, desde doazóns, compras, rendas, sentenzas, partixas, privilexios ou foros, dando idea de en cantos negocios intervía, ao longo do ano, o mosteiro.

Consérvase no Arquivo do Reino de Galicia, ese que nalgún momento houbo de vir para Betanzos, dentro dos libros de Sobrado e xunto a outros procedentes, como el, das Cascas. Saíron del, obviamente, cando a desamortización. Se ben non é un códice medieval ricamente miniado, non hai dúbida de que encerra toda unha parte da historia de Betanzos, a través dos negocios do mosteiro.

O goberno negaba que fose titularidade municipal

O mosteiro, logo da desamortización, pasou a mans privadas. O último alcalde-correxidor mediou para que o adquirise a familia De Llano. A eles expropioulles unha parte a Deputación para tirar a capela dos frades bernaldos e abrir o Camiño da Estación. Logo a horta do convento sería adquirida, co mosteiro á fin deshabitado, pola Xunta, para construír o barrio de vivendas sociais que tomou nome de Dona Urraca.

Ao cederse zonas libres e viais ao Concello, o mosteiro pasou a mans municipais. Mais o executivo socialista negaba tal extremo e argüía papeis que nunca mostrou para atribuír á Xunta o derrubo de 1993 e mais o abandono. Mesmo CxB, desaparecido hoxe, presentara unha moción pedindo que se aclarase a titularidade do antigo cenobio.

Non recoñecerse dono, e esquivar así a insistente demanda do BNG desde 1991 de rehabilitar o vello inmoble e darlle un uso social para un barrio que nacera sen dotacións, non impediu ao PSOE anunciar varios proxectos para o edificio. Albergue de peregrinos foi o máis repetido.

Os nacionalistas denunciaron que non tiña xeito celebrar o 800 aniversario do traslado da cidade tendo a caer o edificio que o fixera posible e finalmente mudou.

O pasado 17 de decembro de 2018 o pleno acordaba á fin, tras un cuarto de século de demandas, rehabilitar á fin a fundación dos Traba en Betanzos.