Dan comezo os actos de celebración do 800 aniversario de Betanzos

Esta mañá era a data marcada no contador instalado na praza do Concello, 0 días para o 800 aniversario do traslado de Betanzos. Os actos institucionais tiveron lugar en Tiobre e nunha carpa instalada na praza do Concello engalanada con todo luxo de detalles para a ocasión. Convites para as asociacións culturais e os partidos políticos, agasallos institucionais e todo tipo de detalles formais é pouco para a celebración, que fixo que Betanzos cambiara o martes de entroido polo festivo do día de hoxe.

En Betanzos o Vello, comezou a celebración cunha conferencia de Alfredo Erias no adro da igrexa, unha interpretación de María a Balteira e un pequeno concerto de pezas medievais, fundamentalmente italianas e inglesas, como curiosidade só unha galega. Instalouse un monolito de perpiaño cunha placa de bronce na pequena praza de enfronte do local social de Betanzos O Vello.

A continuación a comitiva oficial baixou ata a praza do concello onde se está a celebrar o acto principal da festividade, cun discurso da alcaldesa, María Barral e a presentación da xornalista betanceira Lucía Tenreiro. Aos actos acudiron desde o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo ao político conservador Romay Beccaría, o reitor da universidade da Coruña, Julio Abalde, a valedora do pobo, Milagros Otero, o presidente do Tribunal Superior de xustiza de Galiza, Miguel Angel Cadenas, e alcaldes da comarca e do consorcio das Mariñas. Tamén estiveron presentes os alcaldes das antigas 7 provincias do Reino de Galiza, agás o de Tui e o delegado do goberno Javier Losada e o presidente da Deputación da Coruña.

Neste acto houbo unha interpretación da danza de xastres así como actuacións de gaiteiros da Emuf e do grupo de cámara. Esta tarde terá lugar o concerto de Carlos Núñez, non exento de polémica polo lugar elixido que impide a participación da maoría da veciñanza.